A Xunta, optimista, no segundo intento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura di que "hai boas expectativas" para que esta candidatura sexa aprobada este venres no Comité de Patrimonio Nacional tras cambiar completamente o enfoque da proposta anterior. É o primeiro paso para que sexa oficialmente a candidatura de España na Unesco no ano 2026.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/04/2024 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Non foi posible en 2021 e, tras unha gran decepción e anos de traballo, a Xunta tivo que retirar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Fíxoo tras un "traballo erróneo" por parte dos técnicos que traballaron nesa candidatura --recoñecido  polo propio Goberno galego-- e ante a posibilidade de que o Icomos, o máximo organismo encargar de validar estas candidaturas, a suspendera. Pero, tras anos de "reflexión" e un cambio de orientación do proxecto, a Xunta volve a presentar esta candidatura.

Canón do Río Sil durante o traxecto do catamarán do Sil pola Ribeira Sacra
Canón do Río Sil durante o traxecto do catamarán do Sil pola Ribeira Sacra | Fonte: Carlos Castro

"Decidimos abrir un novo camiño e seguir traballando con rigor e solvencia e abrimos unha nova fase coa implicación do Goberno español e tamén cunha forte imiplicación local, de concellos, colectivos, empresas, para seguir loitando con esta canidatura. Deseñamos novos argumentos para dotar de forza esta candidatura", sinalou este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez.

Será este venres na xuntanza que terá lugar na illa das Palmas en Canarias, do Comité de Patrimonio Nacional, un paso previo e necesario para que a candidatura da Ribeira Sacra siga o seu camiño ata ser a proposta oficial de España á Unesco en 2026. A esa xuntanza acudirá Román Rodríguez que amosou o seu optimismo ante a posibilidade que a proposta galega --única que se presenta-- sexa aprobada

É un cambio fundamental con respecto ao 2018, cando a Xunta traballou en solitario nunha iniciativa que, ademais, tiña a moitas asociacións, colectivos culturais e ambientais, e concellos, en contra. Naquel momento, o proxecto baseabase na "paisaxe histórica e a sacralidade do espazo" da Ribeira Sacra, un gran espazo que abarcaba 22 concellos e que era moi difícil de protexer. Por iso, agora, a Xunta cambiou o foco da candidatura, centrada na auga, e na importancia que este elemento ten na configuración a historia e da paisaxe desta comarca ancorada entre as provincias de Lugo e Ourense.

NOVO DISCURSO E NOVO PROXECTO

"Froito deste traballo presentamos a candidatura que é nova, reformulada e cun novo discurso, para xustificala. Unha paisaxe cultural na que a auga ten unha grande importancia, na creación de paisaxes e na xestión desa auga. O expediente basearase nisto. Temos boas expectativas pero se todo sae como está previsto, abriremos un paso para seguir traballano cara o ano 26 para que esta candidatura sexa a impulsada polo Reino de España", dixo.

Román Rodríguez recoñeceu que houbo erros na tramitación da candidatura anterior tras presentar un informe "que ía ter pegas". "Por iso decidimos retirarnos", dixo, "naquel momento falabamos da paisaxe histórica e sacralidade do espazo, pero logo decidimos darlle un novo enrfoque tras varias xuntanzas". "E por iso enfocamonos na auga e no traballo que a auga fixo ao longo da historia na paisaxe da Ribeira Sacra e tamén do control que o home tamén fixo desa paisaxe", engadiu.

O conselleiro destacou os "beneficios" desta candidatura se é declarada Patrimonio mundial. "Formariamos parte dun dos clubs máis selectivos do mundo. E isto dalle amplitude enorme, ademais de ser un recurso turístico fundamental", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta