Galiartesá- Marina Iglesias, muiñeira: "A miña intención é facer do muíño un modo de vida"

Fai un mes que colleu o Muíño do Frouseiro e compaxina as inspeccións de parques infantís con este novo oficio artesán.

Por Amanda Fernández | Lugo | 17/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Presentamos á 'Galiartesá' desta nova entrega que se atopa no lugar de Pacio, na parroquia de Goá, pertencente a Cospeito. Concretamente, no El Molino de Isabel ou Muíño do Frouseiro, como se lle coñece popularmente. Vestida de branco, entre moita fariña e o ruído imperante do muíño de auga en funcionamento, presentamos a Marina Iglesias. Ela é artesá desde fai máis ou menos un mes, cando decidiu comezar con esta aventura e aprender o oficio de muiñeira. Pero como lle deu por isto? "Foi unha arroutada" asegura entre risas. A súa nai é da parroquia do lado, que xa pertence a Abadín, e fai dous anos, Marina mercou unha casa ao lado. Soñaba con ter traballo na zona e xa escoitara falar dese muíño, así o conta: "Un día pasei por aquí e falei con Isabel e Patricia que o levaban, volvín noutra ocasión para que me ensinasen o oficio, e tomei unha decisión a raíz de saber que ían pechalo", así Marina tomou o relevo fai cousa dun mes. 

Marina no Muiño do Frouseiro
Marina no Muiño do Frouseiro

O Muíño do Frouseiro ten nova muiñeira, cuxa profesión pasaba e pasa por "facer inspeccións en parques infantís", xa que segundo expón, está intentando compaxinar ambas funcións. A palabra 'artesá' nunca se lle pasara pola cabeza porque non se imaxinaba que podía chegar a facer este labor. "A miña intención é facer do muíño o meu modo de vida e ir deixando o outro, que me implicaba facer moitas viaxes", afirma. 

"É MANTER VIVA UNHA TRADICIÓN E UN SERVIZO QUE SE DEIXARÍA MORRER"

Actualmente o seu día a día pasa por entender, axustar e levarse ben co muíño, o seu novo aliado. "O feito de traballar cunha ferramenta destes anos, destas características, supón manter vivo algo que doutra maneira se deixaría morrer", destaca Marina. Leva tan só un mes e non pode estar máis contenta cun recibimento que "foi moi grato". Neste tempo, conta que algún día destes de enchente non puido arrincar o muíño. Depende da auga do río Anllo totalmente, xa que desde finais do S. XVIII, e este o que move a turbina do muíño. A nosa protagonista pensa no verán e indica que se hai pouca auga tampouco poderá moer: "Se Isabel e Patricia foron capaces de seguir mantendo o muíño en activo, eu supoño que tamén o poderei conseguir". 

Entre as modificacións, Marina está xa cambiando o horario que será "de luns a venres pola mañá, de 9 a 14 horas, e polas tardes martes e xoves de 16 a 19:30h". O seu traballo consiste en chegar, preparar todo para moer e logo realizar os sacos para os clientes. "De aquí sae fariña normal e integral, e farelo. Hai moita xente da zona que vén mercar fariña para cocer ou outra que vén para moer o trigo que cultiva", comenta e engade que a través da súa páxina web tamén fan envíos "fóra de España, nalgúns casos".  

Actualmente segue rexistrado como 'El molino de Isabel' pero a Marina fustaríalle, co tempo, que volva ser "o Muíño do Frouxeiro, como se lle coñece na zona". Aínda é cedo, pero fai fincapé en que lle gustaría non ser a última muiñeira dese lugar e que haxa relevo. "Se pasa o tempo, xa non haberá xente que o queira coller e aínda que o queiran, vailles custar moito máis", recoñece. Aínda se está afacendo a esta nova dinámica, coñecendo á xente que vén mercar, informarse, traer moedura. "Estaría xenial poder ensinalo, pero aínda teño que acabar de aprender eu ben", afirma cun sorriso e coa mirada posta no muíño en funcionamento. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta