Máis de 21.000 persoas concorrerán ás oposicións de educación convocadas para cubrir 1.743 prazas

As probas desenvolveranse a partir do 22 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán nas próximas semanas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2024 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

Un total de 21.046 persoas concorrerán ás oposicións convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades neste 2024, segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. As probas para as 1.743 prazas convocadas desenvolveranse a partir do 22 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán nas próximas semanas.

O obxectivo deste proceso é consolidar a estabilidade do ámbito docente. Das 1.743 prazas, un total de 1.512, o 86%, son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

A maiores, as oposicións permiten ao profesorado avanzar na súa carreira docente. Deste xeito, as 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11).

En concreto, no corpo de mestres están convocadas 520 prazas de oito especialidades e hai 8.887 inscritos. As especialidades con maior número de prazas son pedagoxía terapéutica, con 110 prazas, e Educación primaria, con 105, mentres que o maior número de inscritos é o de Educación Infantil (2.385)

Para o corpo de profesores de ensino secundario, pola súa banda, convócanse 875 prazas de 34 especialidades, e hai 11.122 inscritos. As especialidades máis demandadas son Xeografía e Historia (922), Inglés (915) e Lingua Castelá (680) e as que ofertan máis prazas Lingua Galega e Inglés, con 80 cada unha.

No corpo de profesores especialistas en sectores singulares de FP convócanse 84 prazas en cinco especialidades, con 534 inscritos; mentres que nos das Escolas Oficiais de Idiomas hai 33 prazas en catro especialidades, con 306 inscritos.

O acceso ao corpo de Inspectores de Educación oferta 11 prazas para 95 inscritos e o acceso do Subgrupo A2 ao Subgrupo A1 ao corpo de profesores de ensino secundario inclúe 220 prazas en 34 especialidades, con 102 inscritos.

Oposicións en Silleda. XUNTA
Oposicións en Silleda. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta