Por GC Tendencias | Carballo | 06/10/2015 | Actualizada ás 12:36
Tras as bambolinas volverán situarse grandes directores e directoras, como Yayo Cáceres, de Ron Lalá en coprodución con Galo Film, ou o cineasta Agustí Villaronga; creacións colectivas e fiestras para novas tendencias no transgresor Ciclo OTNI.
O espazo para as novidades nesta edición trasladarase á rúa baixo a máxima sempre defendida pola organización do FIOT: levar a maxia do teatro a todos os públicos máis aló do escenario do Pazo da Cultura para ampliar e fortalecer os lazos que unen o Outono de Teatro co público. “Buscamos a complicidade cos espectadores e espectadoras porque eles son o alento, forza e futuro do Festival”, sinalan desde a organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT).
En primeira persoa
A liña argumental da XXIV edición do FIOT pon o foco sobre personaxes que reclaman o protagonismo da súa voz, dunha propia versión sobre a súa vida. Más aló da historia máis visible ou oficial defenden a súa mirada persoal e íntima e converterannos en testemuñas e cómplices da “súa” versión orixinal. Son todas personaxes que se situarán en primeiro plano fronte ao espectador para interpelalo e romper a cuarta parede. Será, avanzan da organización, como unha confesión para desvelar en primeira persoa o que non se dixo deses protagonistas, o que eles teñen por dicir, e conectarnos ao mesmo tempo co noso mundo e coas preocupacións sociais máis actuais. Quen non ten curiosidade por saber o que nos van dicir?
O escenario do Pazo da Cultura volverá encherse coa presenza de recoñecidas figuras do teatro nacional, como a actriz Blanca Portillo (“El testamento de María”, sábado 17/10, estrea en Galicia). Nesta coprodución co Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., primeira obra de Agustí Villaronga (director da premiada película “Pa Negre” nos Goya 2011), Portillo entregarase ela sola ante o auditorio nunha emocionante e extraordinaria interpretación para recuperar a cara máis humana da nai de Xesús. Outra personaxe recoñecida, a da Celestina, revivirá nun monólogo poético e emocionante na pel de Charo López (“Ojos de agua”, sábado 31/10) so selo da compañía Ron Lalá. Outro nome coñecido pola súa aparición na pequena pantalla é o da actriz Inma Cuevas (La Señora, Gran Hotel ou Velvet) quen coprotagoniza a dramática “Constelaciones” (domingo 18).
A 24 edición tamén será recordada por ser a segunda vez na que unha compañía non galega protagoniza unha estrea absoluta na programación de sala. En 2013, foi Titzina Teatre con “Distancia 7 minutos” (que continúa rodando con moito éxito polos escenarios nacionais) e o vindeiro 24 de outubro será con “Los esclavos de mis esclavos”, da madrileña Producciones Meridional coa que o FIOT mantén unha longa relación xa que estiveron noutras 4 ocasións no Outono de Teatro, gañando o Premio do Público en 2003 con “Miguel Hernández”. O resto das estreas absolutas corresponden ás tres das Rúas dos Contos: os últimos espectáculos dos galegos Antón Coucheiro (venres 2), Os sete magníficos máis un (domingo 11) e Quico Cadaval (lunes 12).
No que respecta ás estreas en Galicia, no marco da programación de sala, o público poderá sorprenderse e gozar coa soberbia e arriscada “Los nadadores nocturnos”, de Draft.Inn (venres 16); coa orixinal versión do texto universal de Shakespeare “Othelo”, dos arxentinos Gabriel Chamé (venres 30); e con tres das catro obras do ciclo OTNI: “Latente”, da canaria Paula Quintana (luns 12), “Mamá Gallina” dos vascos Pez Limbo (sábado 17) e “Locus Amoenus”, dos cataláns Atresbandes (domingo 25). No marco da Rúa dos Contos, as estreas son JuanCállate, de Pez en Raya (sábado 10) e “El fin del mundo está cerca”, de Chanson Mor Món (sábado 3).
Galicia
En canto ás producións galegas, o programa inclúe unha compañía xa familiar para o público carballés e outra novel. A primeira é Teatro do Morcego (venres 23) que, baixo o liderado do carismático Celso Parada, traerá a sátira “Presidente” (que se presenta este venres 18/09); e a segunda, Cinema Sticado que chega ao FIOT co primeiro espectáculo da súa triloxía Strpts “Episodio 1: Mirlo&Rula”.
Vellos coñecidos das táboas carballesas son, tamén, Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosquera baixo a dirección de Quico Cadaval) que regresan á Rúa dos Contos co seu estilo máis acedo en “A Galiña” (domingo 4). Na outra banda, Xabier Deive e Luís Iglesia, dous actores televisivos de gran popularidade, soben por primeira vez ao escenario máis gamberro do FIOT para reflexionar sobre a existencia en “Filosofando” (sábado 10).
Como xa se anunciou o verán pasado, o premio honorífico Xograr de Outono 2015 entregarase á actriz galega Susana Dans.
Venda de bonos e entradas soltas
Os bonos e entradas soltas poderán adquirirse por cuarto ano consecutivo a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova). Os socios do FIOT poderán comprar os bonos desde este sábado 19 ao mércores 23 de setembro (70€ e 65€ prezo reducido) e o público en xeral, a partir do venres 25.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.