Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2024 | Actualizada ás 18:35
A Xunta de Galicia criticou "falta de transparencia" do Goberno central no proceso de aprobación o pasado martes das modificacións ao plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica, "elaborado ás costas das comunidades autónomas".
O Consello de Ministros aprobou o pasado martes a modificación puntual ao Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica no horizonte 2026, para ampliar o número de actuacións, que inclúe a conexión de Stellantis Vigo á denominada rede de moi alta tensión.
A conexión á chamada moi alta tensión é unha demanda desde hai tempo da planta viguesa de Stellantis, para evitar microcortes e problemas na subministración eléctrica que afectan á súa produción. De feito, a principios deste ano, o director da factoría, Ignacio Bueno, urxía que se axilizasen os trámites porque esa conexión é necesaria "para a supervivencia da fábrica".
Respecto diso, a Consellería de Economía celebra que inclúa "a vella demanda" da conexión da factoría viguesa á rede de moi alta tensión, pero sostén que "non é de recibo que se fagan anuncios públicos sen antes informar ás comunidades que, como Galicia, fixeron alegacións a este plan e seguen sen respostas".
Lembra que entre as peticións realizadas pola Xunta tamén se incluían as novas posicións de entrada e repotenciación da liña Mesón-Sabón ou as subestacións de Palas de Rei e a ampliación de Meirama, ademais da de Balaídos.
No entanto, apunta que "a boa noticia" para a fábrica de Balaídos chega "con atraso", xa que "foi o propio Goberno quen eliminou da actual planificación 2021-2026 esta actuación, a pesar de estar incluída na aprobada previamente polo Goberno de Mariano Rajoy".
"Na actual planificación aprobada en marzo de 2022, o Executivo central destinou a Galicia menos do 1% dos investimentos totais para a rede de transporte, e o 2,6% se se ten en conta o borrador de modificacións que publicou en decembro de 2023. Isto está moi por baixo do que lle correspondería a Galicia atendendo á elevada porcentaxe de xeración eléctrica e os numerosos proxectos industriais en desenvolvemento", sostén a Consellería de Economía.
Finalmente, o Executivo autonómico indica que o Goberno ten pendente a asignación de fondos europeos para a fábrica viguesa de Stellantis, polo que segue reclamando a resolución do Perte VEC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.