Jácome elude as advertencias do Ministerio de Facenda e cesa ao interventor municipal

Volve así a cesar a un funcionario municipal de habilitación nacional. A oposición sostén que se trata dunha manobra para tapar o "colapso orzamentario" do Concello.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/04/2024 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O rexedor municipal de Ourense cumpriu a súa ameaza de cesar ao interventor municipal, desatendendo o informe da Dirección Xeral de Estabilidade Orzamentaria e Xestión Financeira Territorial, dependente do Ministerio de Facenda. O informe sinalaba que o titular do posto de traballo de Interventor Xeral Municipal foi nomeado por concurso e que, por tanto, "cabe entender que non procede a tramitación dun expediente de cesamento por parte do Concello".

Con todo, Jácome asinou a eliminación do interventor nunha medida única a nivel estatal. Jacome xa advertira ao interventor no mes de decembro que abría expediente de cesamento, e agora faise oficial na mesma semana na que se celebrou a vista oral pola denuncia interposta polo interventor municipal por presunto "acoso laboral" por parte do rexedor municipal. O alcalde volve cesar a un funcionario municipal de habilitación nacional, despois de facelo coa tesoureira do concello á que nomeou viceinterventora.

REACCIÓNS DA OPOSICIÓN

As reaccións do resto da corporación municipal non se fixeron esperar. Os primeiros en manifestarse foron os socialistas. Desde a formación sosteñen que "se trata doutra manobra de distracción ante o estado crítico dos servizos sociais e a situación de extrema inestabilidade orzamentaria" que, din, "non garante sequera poder abonar as nóminas dos traballadores públicos durante este ano".

Consideran que "desvía a atención cara ao funcionario e aos responsables de fiscalizar o traballo do goberno que encabeza" e engaden, ademais, que é cuestión de tempo que o interventor volva ao seu posto de traballo, "respectando os tempos da xustiza" despois da demanda interposta polo presunto acoso laboral.

"Non podemos máis que rexeitar a maneira de proceder do rexedor e pedimos que tome o temón deste executivo xestionado por Democracia Ourensana S.L, que o único que tenta é demonizar aos empregados públicos", afeou a portavoz do PSOE municipal, Natalia González, que tamén expuxo que o interventor municipal foi trasladado agora á Concellaría de Facenda.

Pola súa banda, desde o grupo municipal do Partido Popular advirten que o cesamento do funcionario "agravará aínda máis a situación de colapso económico do Concello". Acusan o alcalde de "vangloriarse cada día nas súas redes sociais de que está a mellorar a cidade", mentres que "o colapso orzamentario é real" e din que desde o PP seguirán "defendendo aos traballadores públicos que exercen os seus dereitos en defensa das súas funcións e da súa persoa", así como "censurando a actitude ditadora do grupo de goberno", que aseguran "tenta tapar a súa mala xestión con ataques constantes aos traballadores".

Pola súa banda, os representantes do Bloque Nacionalista Galego vinculan o cesamento dos máximos responsables da fiscalización económica municipal, ao feito de que o actual goberno local "non quere que ninguén cuestione nada do que fai e alerte sobre os continuos incumprimentos dos procesos e da legalidade que debe rexer nunha administración pública".

O portavoz da formación, Luís Seara, apunta que ambos os cesamentos teñen en común o mesmo obxectivo; "tirar cara a adiante sen que ninguén cuestione o que se fai, tapando a grave situación económica na que se atopa o Concello", unha situación que considera "consecuencia dunha nefasta xestión ao longo dos últimos cinco anos con PP e DO, xuntos ou separadamente".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa / Agostime - Arquivo / Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa / Agostime - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta