A primera gran viaxe de Rueda como presidente: Arxentina

Viaxará o 1 de maio para reunirse con empresas pesqueiras galegas e coa colectividade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2024 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará o 1 de maio a Arxentina para reencontrarse coa galeguidade alén do Atlántico e manter encontros con representantes das empresas pesqueiras galegas que operan no país e tamén doutras locais que manteñen relacións comerciais con Galicia.

Trátase da primeira viaxe ao estranxeiro como titular do Goberno galego nesta lexislatura, tal e como destacou a Xunta nunha nota de prensa. Así, durante catro días Rueda prevé reunirse coa colectividade e tamén se desprazará ao sur do país para visitar as plantas pesqueiras de varias compañías galegas. Ademais, tamén aproveitará para manter encontros con distintas autoridades locais.

Tras visitar Arxentina por última vez en outubro de 2022, esta viaxe "servirá para trasladarlles a todas estas compañías e aos sectores produtivos en xeral o apoio do Goberno galego, claves na xeración de emprego e riqueza e no papel de embaixadores da economía galega".

GALEGOS NO EXTERIOR

Así mesmo, o presidente da Xunta aproveitará estas citas para comprometer o apoio da Administración galega a todos os galegos residentes no exterior e ás súas necesidades. Neste sentido, destacou a Xunta, lembrará que todos aqueles que desexen volver a Galicia tamén contan coa Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende facilitar a volta de 30.000 persoas ata 2026.

Do mesmo xeito, explicará que neste novo mandato a Consellería de Emprego será quen acolla o departamento de Emigración "para seguir reforzando o papel desta Estratexia e seguir favorecendo o regreso daqueles galegos e descendentes que están fóra e queren volver á súa terra".

Alfonso Rueda durante a súa viaxe a Buenos Aires, Arxentina / Xunta de Galicia. / Europa Press
Alfonso Rueda durante a súa viaxe a Buenos Aires, Arxentina / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta