Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/08/2025 | Actualizada ás 11:15
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) remitiu por escrito ao Presidente da Xunta de Galicia unha petición na que lle esixen que asuma a súa "responsabilidade" e "garanta" a contratación de bombeiros forestais todo o ano.
No escrito, CSIF reclama que, "con carácter inmediato e entrada en vigor en 2025", se adopte a medida de contratar durante todo o ano ao persoal fixo descontinuo do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).
"A contratación anual é unha decisión urxente e necesaria para reforzar a capacidade operativa do servizo nun contexto de riscos crecentes asociados ao cambio climático. Ademais, non só é fundamental para a resposta nos meses de maior risco de incendio, senón tamén para manter os labores de prevención durante todo o ano e acometer os traballos de restauración ambiental tras os incendios, reducindo así o seu impacto e preservando os ecosistemas galegos", remarcan.
O BNG ACUSA Á XUNTA DE OBVIAR MEDIDAS ADOPTADAS EN 2017
O viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, denunciou este mércores que a Xunta incumpriu o 70% das 123 medidas que expuña o ditame da comisión de estudo creada na Cámara tras a vaga de incendios que arrasou Galicia no ano 2017.
Ademais, erixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en "máximo responsable" do incumprimento destas propostas e, en consecuencia, do ocorrido no que xa se converteu no verán máis negro deste século en Galicia no que respecta a lumes forestais.
"Esta situación estaba prevista e foi analizada neste ditame de persoas expertas da comisión de estudo do ano 2018, publicado no mes de agosto, que establece un total de 123 medidas, das cales nós podemos asegurar que ao redor dos 70% foron incumpridas, non foron desenvolvidas", denunciou Bará, en rolda de prensa.
A interveción de Bará chega dous días despois de que a líder do BNG, Ana Pontón, anunciase que o partido ía rexistrar unha solicitude para que se abra unha comisión que investigue a xestión da Xunta durante a vaga de incendios deste verán. Ademais, o vindeiro venres reunirase a Deputación Permanente, órgano reitor da Cámara en períodos inhábiles, que tamén abordará a situación derivada dos lumes.
PP CONVOCATORIA DE PRESIDENTES AUTONÓMICOS
A portavoz do PP no Senado, Alicia García, asegurou que a súa formación está a valorar convocar máis adiante a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas para que os presidentes rexionais poidan falar sobre os incendios que están a arrasar gran parte do territorio español, aínda que precisou que serían comparecencias en clave "propositiva".
Nunha rolda de prensa desde o Senado, a portavoz 'popular' lembrou que algúns presidentes autonómicos comparecerán nos seus respectivos Parlamentos para dar conta da xestión dos incendios no seu territorio.
PSdeG PIDE CAMBIO URXENTE NO MODELO ANTINCENDIOS
O PSdeG reclamou en Láncara un cambio "profundo e urxente" no modelo de loita contra os incendios forestais e insistiron en que Galicia necesita un servizo "único, estable e profesionalizado" de prevención e extinción, dependente da Xunta que "poña fin á precariedade á improvisación e o abandono que sofren os concellos".
Así o fixeron este mércores a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a portavoz de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, e o alcalde de Láncara en funcións, Pablo Rivera. Neste sentido, Pablo Rivera, sinalou que no seu concello a brigada municipal "tivo que renunciar" por "falta de recursos" e advertiu de que os concellos "non poden" seguir asumindo as competencias que lle corresponden á Xunta.
"O que non se pode facer é lexislar desde Santiago e logo deixarnos sen medios, obrigándonos a afrontar situacións tan graves con ferramentas claramente insuficientes", denunciou. Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, asegurou que o sistema das brigadas municipais "é un parche precario".
Neste contexto, lamentou que contratan a "catro ou cinco persoas durante só tres meses" e son os concellos os que "deben de pór os vehículos, os seguros, os EPI e toda a xestión". "A Xunta limita a súa achega a 40.000 euros como máximo e logo dáse media volta. É un agravia para as arcas municipais e unha mostra do seu deixamento", esgrimiu Méndez.
Así mesmo, a secretaria de Organización do PSdeG cualificou de "engano" que o PPdeG publicase en agosto as convocatorias de prazas que "xa pertencían á oferta de emprego de 2023". "Todos sabemos que esas prazas non estarán dispoñibles este verán, cando o monte arde cada día. É propaganda electoral, non planificación", sinalou.
MANDALOS Á "BOCA DO LOBO"
Pola súa banda, a portavoz do ámbito forestal do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou que "non pode ser" que a contratación de persoal se realice "só durante tres meses", en plena tempada de alto risco, e lle dean un "curso exprés de 16 horas" para despois mandalos "á boca do lobo, fronte a incendios de quinta xeración".
"A Xunta leva aos capataces das brigadas municipais para as súas e deixa ás brigadas locais descabezadas. Iso si que é improvisación, inseguridade e falta de respecto polo traballo dos brigadistas", sentenciou Dacosta.
VISITA DE MARGARITA ROBLES
A ministra de Defensa, Margarita Robles, reclamou este mércores ás comunidades autónomas que non deleguen na Unidade Militar de Emerxencias (UME) e os medios militares a loita contra os incendios forestais, e que invistan en prevención dos lumes.
Nunha entrevista en 'Cadena Ser', Robles reflexionou sobre se o Goberno pode asumir as competencias para abordar catástrofes sen esperar ás autonomías, no marco das acusacións cruzadas entre o Goberno e os presidentes autonómicos 'populares' sobre lentitude na resposta aos incendios forestais. Pero o primeiro que quixo deixar claro é que, aínda que o Exército "está preparado sempre", no caso dos incendios teñen que ser as autonomías as que leven a cabo os labores de prevención durante o ano.
"Non se pode que cando hai incendios xa, cando non se investiu en prevención, cando non se investiu en formación, dicir, 'ah bueno, xa chegará o Exército'", sinalou a ministra, que urxiu ás comunidades autónomas a extraer "leccións" do ocorrido.
Sobre o debate competencial, Robles ecoñeceu que a Lei de Protección Civil contempla que o Estado poida pedir a activación da UME ante catástrofes se o considera necesario, pero explicou que a norma "fixa marcos xenéricos" e "a realidade" é que "non houbo nin unha soa das autonomías (afectadas os incendios) que se dirixiu" ao Goberno "neses termos". "Se me di que algunha o pediu e o Goberno non quixo, pero é que non houbo ningunha", abundou.
VISITA DE REIS
Os Reyes de España realizarán este xoves unha visita oficial a distintos puntos da provincia de Ourense, a zona máis castigada pola recente vaga de incendios forestais. O obxectivo deste percorrido é coñecer de primeira man a magnitude dos danos, escoitar as demandas dos veciños e trasladar unha mensaxe de apoio e solidariedade.
A xornada comezará no Centro de Coordinación do Distrito Forestal XIV, en Verín, onde Felipe VI e Letizia reuniranse cos alcaldes dos municipios máis afectados. Posteriormente, a comitiva trasladarase a Cualedro, onde visitarán unha explotación gandeira e terán un encontro con propietarios e traballadores do sector primario. A visita concluirá na parroquia de Medeiros, en Monterrei, onde Felipe VI e Letizia terán a oportunidade de conversar con veciños afectados polos incendios.
PLANS HOMOXÉNEOS
O Consello de Ministros aprobou este martes o Real Decreto polo que se aproban as directrices e criterios comúns dos plans anuais para a prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais, en cumprimento do establecido na Lei 43/2003, de montes, tras a modificación que experimentou coa aprobación do Real Decreto-lei 15/2022. O Real Decreto-lei 15/2022 detallou o contido mínimo dos plans autonómicos anuais para a prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais. A norma aprobada este martes establece directrices que permitirán a homogenización dos plans autonómicos ao equiparar os criterios técnicos que apliquen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.