Máis de 18.000 persoas en Ourense ingresan menos de 3.000 euros ao ano, segundo a CIG

O 35% da poboación ourensá cobra por baixo do SMI e as pensións continúan a ser as máis baixas do Estado, con 888 euros de media.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/04/2024 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

Máis de 18.000 persoas residentes na provincia de Ourense percibe ingresos anuais por baixo dos 3.000 euros e o 35% dos asalariados cobra por baixo do Salario Mínimo Interprofesional, segundo os datos dun informe elaborado pola Confederación Intersindical Galega (Ourense). 

Pintada contra a precariedade laboral en Madrid
Pintada contra a precariedade laboral en Madrid | Fonte: Brocco Lee

Este luns, a central nacionalista deu a coñecer o contido dun documento que aborda a situación sociolaboral da provincia, que, en palabras do secretario comarca, Anxo Pérez Carballo, reflicte un "panorama dramático" que require da reacción da cidadanía para revertelo. O responable comarcal, acompañado en rolda de prensa pola economista Natividad López, ironizou con que a provincia "vai chegar un momento que terá os mellores datos de paro, porque non vai haber ninguén a quen darlle traballo".

"É arrepiante comprobar que o número de maiores de 90 anos triplica o de menores de 4", manifestou Carballo, que tamén puxo o acento en que o 35% das persoas asalariadas na provincia reciben menos do salario mínimo interprofesional e máis de 18.000 persoas, menos de 3.000 euros anuais. Pola súa banda, a economista Natividad López debullou os datos do informe, que apunta a unha perda de habitantes do 8% nunha provincia na que as persoas maiores de 65 anos supoñen o 32% da poboación, mentres que os menores de 20 anos son o 13%.

"Ourense conta cunha poboación inmigrante que non é capaz de paliar a perda de poboación nin o seu envellecemento", engadiu López, que advertiu do impacto sobre as pensións desta realidade, especialmente na provincia que, como lembrou, ten as máis baixas do Estado con 888 euros de media.

En canto á afiliación á Seguridade Social, o informe recolle os datos de decembro de 2021 e os de decembro de 2023 para medir o impacto da última reforma laboral. Neste período, o incremento da afiliación foi do 2,3%, algo que tamén sucedeu no resto do conxunto do Estado. Ademais, tamén aumentaron os contratos indefinidos e baixaron os temporais. No entanto, a CIG matiza que os contratos fixos descontinuos crecen un 95% en dous anos, os indefinidos a tempo parcial un 40%, e os indefinidos a xornada completa un 19,9%. Polo que, para a central nacionalista, "crece a contratación indefinida, pero con xornadas parciais e contratos fixos descontinuos".

A maiores observan que "a fenda de xénero segue agravándose", pois o 66% das mulleres teñen un contrato indefinido fronte ao case 78% dos homes. Ademais, o 33,5% das mulleres teñen un contrato temporal cando no caso dos homes é o 22%, e só o 45% delas teñen un contrato indefinido a tempo completo, mentres que eles chegan ao 69%.

No ámbito dos ingresos salariais, a CIG lembra que os datos da Axencia Tributaria mostran que os ingresos de clase traballadora aumentaron un 4,9% na provincia, pero o IPC creceu un 5,7%, o que supón unha perda de poder adquisitivo de 8 décimas "que non se producen o resto do estado onde os salarios creceron un 5,8%".

Así mesmo, onde máis aumentaron os ingresos é na poboación con mellores salarios. Así, 83 persoas na provincia ingresan máis de 235.000 euros ao ano de media e os seus ingresos incrementáronse máis dun 5%. Mentres que as persoas con menos ingresos, "unhas 18.000" aumentaron os seus salarios unicamente un 2,7% "con ingresos brutos que ao ano non chegan a 3.000 euros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta