Lucía Vázquez repite Taça

A biker pontevedresa venceu na derradeira proba de BTT Cross Country celebrada no Alentejo e repite o título acadado en 2012, co que pecha unha tempada de éxitos na que tamén venceu no Open de España.

Por gcdeportes | Pontevedra | 13/10/2015 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

Por segunda vez na súa carreira, a ciclista pontevedresa Lucía Vázquez proclamouse campioa da Taça de Portugal Liberty Seguros 2015 na modalidade olímpica de Cross Country (XCO). A biker galega chegaba á derradeira proba con ta só un punto de vantaxe sobre a estonia Maaris Meier, que vencera nas dúas últimas carreiras, pero gañou a sexta e última proba puntuábel disputada esta fin de semana no circuíto de Avis no Alentejo portugués.

Lucía Vázquez, do club PC Quintena, rematou a clasificación xeral con 195 puntos grazas aos seus tres triunfos parciais e tres segundos postos ao longo da tempada, nove puntos máis que Meier e case vinte que a portuguesa Joana Monteiro (169).

"A miña estratexia foi colocarme en cabeza dende a saída para impoñer o meu ritmo e que ninguén me estorbase. Tívena preto ao principio, pero ao rematar a terceira volta xa tiña preto de tres minutos de marxe. A partires de aí centreime en controlar o ritmo e en evitar problemas mecánicos ou caídas tontas nas zonas máis técnicas”, comentou Lucía Vázquez sobre a proba no Alentejo, na que lle beneficiou que fose un circuíto duro, e aínda por riba chovendo. A ciclista de Vilaboa entrou en meta cun tempo de 1h55’, seis por diante da portuguesa Joana Monteiro e a case nove de Maaris Meier.

Lucía Vázquez, co trofeo no alto do podio. @Lucia_VazquezC
Lucía Vázquez, co trofeo no alto do podio. @Lucia_VazquezC

Coa súa segunda Taça de Portugal remata unha tempada espectacular para a biker pontevedresa, que venceu no Open de España, revalidou o título galego e gañou a medalla de bronce no Campionato de España de XCO. Ademáis, hai oito días, debutou no Campionato de España de Enduro MTB, acadando o bronce. Por último, a vitoria en Avis supón puntos para o ránking olímpico para Río’2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta