Mariscadoras das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo esixen medidas á Xunta ante a crise dun sector en agonía

Entre as reclamacións dos manifestantes atópase a demanda dun plan de rexeneración e saneamento das rías e un plan de continxencias, que permita ter unha "cobertura fiable fronte a incidencias de longo prazo" como a que están a vivir.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 30/04/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Preto de catrocentas persoas participaron este martes en Pontevedra na manifestación convocada polas mariscadoras para esixir á Xunta que poña en marcha medidas ante a crise do sector como consecuencia da gran mortaldade da ameixa e do berberecho desde o pasado mes de outubro e a falta de cría de moluscos.

Secundaron esta mobilización profesionais do marisqueo das rías de Pontevedra, Arousa e de Vigo, que se concentraron ás 10.30 horas ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, desde onde saíron en manifestación cara á Subdelegación do Goberno na Praza de España, tras unha pancarta co lema 'En defensa do noso mar'.

Nesta manifestación tamén participou o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado doutros concelleiros do goberno municipal do BNG, e do deputado autonómico Luís Bará. Entre as reclamacións dos manifestantes atópase a demanda dun plan de rexeneración e saneamento das rías e un plan de continxencias, que permita ter unha "cobertura fiable fronte a incidencias de longo prazo" como a que están a vivir.

Esixen tamén unha "implicación real" por parte tanto do goberno autonómico como do Executivo central e un "diálogo político entre Administracións". Outra das súas demandas é que se habiliten axudas "dignas, individuais e directas" para cando exista a imposibilidade de traballar ou os ingresos da actividade sexan mínimos por mor de incidencias de forza maior, e que estas axudas sexan compatibles coa realización de traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros.

Por último, reclaman que se paralice o pago das cotas da Seguridade Social mentres non haxa actividade marisqueira ou esta sexa escasa. Os convocantes da marcha entregaron por rexistro estas reivindicacións ante a Xunta e tamén na Subdelegación para que se lle dea traslado ao Goberno central. Tras esta manifestación de Pontevedra xa está convocado un novo acto de protesta que terá lugar en Ribeira o día 13 de maio ás 12.30 horas.

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta