A Xunta urxe aos Franco que abran a Casa Cornide ao público

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/05/2024 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A Xunta reclamou aos Franco, nun escrito remitido por correo ordinario, a apertura da Casa Cornide da Coruña ao público, en cumprimento da lexislación tras a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Asi o expuxo o conselleiro de Cultura, José López Campos, en declaracións aos medios con motivo da súa presenza na cidade para a entrega dos premios do concurso-exposición Letras Galegas e xa despois a presentación da mostra 'Tomás Barros. Doazón' e a visita á Real Academia Galega de Belas Artes.

Foi no día no que os grupos da corporación municipal coruñesa aprobaron, por unanimidade, a revisión de oficio proposta polo goberno municipal das resolucións tomadas polo concello no ano 1962 e que permitiron que o inmoble acabase sendo propiedade dos Franco. En declaracións aos medios, o conselleiro explicou que a semana pasada, e tras o expediente administrativo de Patrimonio Cultural, comunicouse aos Franco "que teñen que cumprir a lexislación e mandar ese programa de aperturas", dixo sobre o catro días ao mes que deben abrir. "Aínda non temos coñecemento de que fose recibido", aseverou o conselleiro que, apostilou, que co informe de Patrimonio agora hai "o soporte xurídico para esixirllo".

Todo iso na xornada na que no pleno municipal coruñés aprobouse a revisión de oficio proposta polo goberno local das resolucións tomadas polo consistorio en 1962. Esta medida supón, na práctica, que o concello inicia oficialmente os trámites para recuperar o edificio histórico da Cidade Vella co obxectivo de "devolvelo ao patrimonio municipal".

Así o expuxo o concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, responsable tamén da área de Memoria Democrática, apuntando que o informe xurídico encargado polo concello para reclamar a Casa Cornide "estima que houbo, en alquel momento, un incumprimento dos requisitos e leis vixentes" no proceso que permitiu ao Franco "usurpar un ben que pertence á cidadanía da Coruña".

MURAIS DE URBANO LUGRÍS

Noutra orde de cousas, e cuestionado o conselleiro de Cultura sobre os murais de Urbano Lugrís, situados nun inmoble da rúa dos Olmos e postos á venda, reiterou que a postura da Xunta pasa por que queden na cidade. "Pretendemos facernos cos murais e que queden na Coruña", aseverou ao optar a Administración galega á compra no proceso que abriu o xulgado.

Varias persoas concéntranse fronte á Casa Cornide, na Coruña / M. Dylan - Europa Press - Arquivo  / Europa Press
Varias persoas concéntranse fronte á Casa Cornide, na Coruña / M. Dylan - Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta