Román Rodríguez reivindica a escola rural a pesar de recoñecer "tensión de xestión" tras o peche de algunha delas

O conselleiro de Educación destacou este venres o "gran logro" da escola rural "capaz de xerar igualdade de oportunidades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou este venres o "gran logro" da escola rural como un "modelo educativo de vangarda que é exemplo de cohesión social e capaz de xerar igualdade de oportunidades". Así o dixo o responsable autonómico durante a inauguración do II Congreso Nacional de Escola Rural, que congrega en Ribadavia a 300 persoas e que conta coa participación dun total de 40 centros educativos de toda España. Con todo, nos últimos anos, a Xunta pechou algunha escola rural alegando que non había ratio de alumnado.

Así, a Comunidade, con 5% do territorio de toda España, concentra o 50% das entidades singulares de poboación. Con esta experiencia, o conselleiro deu a coñecer aos representantes doutras comunidades de España o modelo educativo galego, mostrando o seu compromiso coa educación rural como "un elemento de cohesión e un punto crave para o desenvolvemento da poboación".

Un dos "maiores logros", dixo Román Rodríguez, é que Galicia funciona "como un distrito único a nivel educativo, o que na práctica tradúcese en "un sobreesfuerzo económico por parte da Administración" para "garantir o acceso á educación e a todos os programas educativos en igualdade de condicións para o conxunto dos cidadáns, independentemente de onde vivan".

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de camiño á rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de camiño á rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA

Con todo, Román Rodríguez recoñeceu a "tensión de xestión" que implica combinar a proximidade do servizo educativo coa diminución do número de alumnos. Neste sentido, apuntou que o desafío de futuro máis importante é o reto de adaptar o sistema educativo rural a "unha demografía cada vez máis decreciente e escasa".

Na súa intervención, tamén se referiu ao esforzo e ao "orgullo" que o profesorado do ámbito rural sente polos seus centros educativos, con equipos "implicados en proxectos de innovación e seminarios, que traballan de forma coordinada e cooperativa" e que son "o alicerce dos bos resultados académicos" obtidos.

Os asistentes a esta cita en Ribadavia, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Princesa de Xirona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia, poderán descubrir o funcionamento deste modelo galego a través da feira na que participan 15 centros de toda a Comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta