A petanca, máis aló xogo tradicional, un deporte federado de nivel en Galicia

Coñecemos en detalle todo sobre esta disciplina que non entende de idade ou discapacidade.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 11/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A petanca é un xogo que veu de Francia aló polo século XVIII como unha actividade de lanzamento de precisión. A finais do século XIX e principios do XX o xogo practícase en todo o Midi (Francia) e todas as prazas das vilas. Os xogadores acostumaban a tomar carrerilla para tirar as súas bolas con impulso. A verdadeira petanca e o seu nome vén da expresión "Pieds Tanquees", é dicir, pés xuntos, porque se conta que en Provenza un xogador de bólas perdera as súas pernas nun accidente e o seu irmán que tamén era xogador propúxelle unha partida sen impulso nun terreo máis curto. 

José Manuel, xogador de petanca
José Manuel, xogador de petanca

Históricamente e xa na actualidade para xogar precísanse unhas bólas metálicas, duns 7 cm de diámetro, e un boliche, unha bóla máis pequena de madeira. Para saber máis deste xogo tradicional que perdurou e agora é deporte federado en Galicia, falamos con José Manuel Ramil, xogador de petanca no Club Petanca Lugo. Define a petanca "como un deporte, sobre todo" que se pode practicar de forma individual ou colectiva.

Si se xoga en equipo, explica que pode haber dupletas ou tripletas. Considera esta última modalidade "como o máis divertida" que consta de 3 figuras: o apuntador, o medio e o tirador. José Manuel expón: "O apuntador é o que lanza o boliche, que é a bola pequena, e trata de arrimar a bola grande o máis cerca posible do boliche. Despois, o medio tamén trata de facer iso ou ben sacala, se a bola do contrario está máis pegada ao boliche, pois tamén pode tirar á bola do contrario e a ver se queda a súa. O tirador simplemente tira as bolas para tentar sacala do contrario e deixar a súa". A petanca require "pensar moito e falar para ver que pode facer o equipo contrario", desta maneira a estratexia é fundamental, "moi similar ao xadrez". Soe xogarse en terreos de area, grava ou superficies duras, e as medidas deben seguir o regulamento

"A PETANCA É MOI INCLUSIVA"

José Manuel ten unha amputación da perna esquerda, pero iso nunca foi un impedimento para xogar á petanca, ao contrario segundo recoñece "é o único deporte que non separa unha licenza da outra". Expresa que poden xogar tanto nenos, homes, mulleres, persoas maiores, con algunha discapacidade... "Eu coa miña discapacidade podo xogar con outras persoas que non presentan ningunha. Teño que ter o pé metido nun aro e as muletas si que as podo apoiar fóra, no caso da cadeira de rodas, ten que ter as rodas mtidas nun círculo como se estivese pisando. A cuestión é poder lanzar a bóla desde un aro aproximadamente dun metro e así, a petanca é moi inclusiva", expón. 

Integrantes do Club Petanca Lugo
Integrantes do Club Petanca Lugo

E por que a petanca? Manifesta que xoga desde o confinamento, cando comezou porque lle operaron "o túnel carpiano das dúas máns" o que lle impedía xogar en cadeira de rodas, ao baloncesto, por exemplo. "Púxenme a xogar coa muleta e tiraba simplemente coa man que me quedaba, mentres estaba operado. Seguín porque me gustou moito", comenta. É un home amante dos deportes porque tamén practica baloncesto e á hora de tirar na petanca di "facer todo o contrario". A bóla decide tirala de abaixo cara arriba, bastante alto. Porén, fai fincapé en que "non existe unha forma específica de tirar a bóla, que é cuestión de práctica en precisión". 

A PETANCA É UN DEPORTE FEDERADO 

Este amante da petanca non nega que antes de practicar este deporte pensaba que era algo ao que "xogaba a xente na praia ou un deporte para xubilados". Hoxe en día expresa que estaba "totalmente equivocado". Forma parte do Club Petanca Lugo onde practican desde xente con 50 anos, 70, 80 e rapaces de menos de 18 anos. "Non ten nada que ver coa xente maior, hai de todas as idades, en Lugo temos dous rapaciños, Asier e Nicolás, que nos ensinan como xogar á petanca, a min, que vou para 51", comenta. 

A petanca é un deporte federado en Galicia e no que se compite e José Manuel destaca que hai "un nivel bastante alto". Neste caso, xoga na liga Xunta de Galicia Senior 2 Masculina, disputan partidos todas as fins de semana, uns como locais e outros como visitantes, en sitios como Lalín, Negreira, A Coruña, Val do Dubra... "A clasificación vai por partidos e bólas, nun encontro o primeiro que chegue a 13 gaña a partida, podes acabar cedo ou incluso estar ata dúas horas se o xogo é bo", manifesta. 

OS SEUS BENEFICIOS E DOUS REFERENTES NO CLUB

Practicar petanca ten moitos beneficios, xa que implica "moito movemento á hora de coller ás bolas ou desprazarte dun lado ao outro das pistas, que soen ser de 4 de ancho por 15 de longo". Neste sentido, outro punto a ter en conta é a convivencia entre distintas xeracións e variedade de idade. "Está ben deixarse ensinar por un rapaz que pode saber máis da petanca do que sei eu, por moito que algún diga levo 30 anos xogando a petanca, a realidade é que leva 30 anos tirando bolas", reivindica José Manuel poñendo o foco no coñecemento do regulamento, coas súas normas, sancións...

Menciona de novo aos dous mozos da canteira do Club Petanca Lugo, que actualmente xogan no Lalín en Primeira e compiten coa Selección galega de Petanca fóra de España. "Teñen unha experiencia que non teñen os demáis e cada vez van aprendendo máis ao ver a outra xente que é moi boa", establece. Conclúe incidindo en que coñecía a petanca do mítico de "tirar o boliche, as bólas na praia e que gañaba o que estaba máis preto da bóla pequena", pero que agora vai coñecendo máis cousas, como que podes sacar a bóla do contrario. "O nivel é bo e mesmo hai xente, que grazas aos patrocinadores, pode vivir da petanca, pero cóntanse", afirma. 

O Galicia Confidencial desprazouse ata Lugo para coñecer a estes dous rapaces referentes de José Manuel nun adestramento do club. Asier xoga en Primeira na Liga Sur no Club Petanca Lalín e explica que existe "Liga Norte, onde só hai Segunda Norte e Liga Sur, na que hai máis categorías, tales como División de Honra, Preferente, Primera, Segunda B e Segunda C". Vén de xogar un campionato de España de oito comunidades en División de Honra e lograron manterse que está "moi contento". Considera que a petanca é un deporte que ten para moito, máis aló do parque ou o ocio, e anima ao resto de mozos a que proben por ser moi divertido. Comparte equipo e experiencias con Nicolás, que destaca da Petanca moitos beneficios como o de pensar moito nas xogadas, así como o beneficio físico polo movemento. "Tamén é importante porque che permite estar con outros compañeiros moi diferentes a ti e sempre tes avogar polo compañeirismo", expresa. De feito, o comportamento e saber estar son fundamentais no regulamento en campionatos, onde se penaliza "con tarxeta vermella". Recoñece que un verán veu probar cos seus tíos e gustoulle e seguiu. Como apunte, dixo que normalmente se xoga de xeración en xeración, de pais a fillos, pero no seu caso, afirma cun sorriso: "Fun eu quen viciou aos meus pais". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta