A Xunta aposta polo "diálogo social e o consenso" para crear máis emprego

O conselleiro de Emprego valora os datos do paro de abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2024 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Emprego, José González, valorou os datos do paro coñecidos o pasado luns, que indican unha "boa liña" que convidou a continuar "sempre buscando o diálogo e o consenso". Así se manifestou González en declaracións aos medios antes de reunirse co secretario xeral de UGT en Galicia, José Antonio Gómez, coa que pecha a rolda de contactos co tres principais sindicatos dentro da serie de encontros abertos cos axentes sociais tras a chegada do novo equipo á Consellería de Emprego.

González, que iniciou a súa rolda coa patronal galega e prevé darlle continuidade con reunións con representantes de autónomos e da economía social, destacou os datos do paro de abril, que marcan mínimos históricos en número de desempregados e a cifra máis alta desde 2009 en afiliados á Seguridade Social.

Para o conselleiro, as cifras "moi positivas" de emprego que ten Galicia no primeiro trimestre de 2024 apuntan unha "boa liña" no obxectivo de "buscar un mercado laboral dinámico e inclusivo e un emprego de calidade". Así, instou a "seguir traballando" nesta liña desde o marco do diálogo social, cuxo reforzo persegue o encontro deste martes con UGT dentro dunha rolda de contacto "inicial" que González enxalza como "moi positiva".

Deste xeito, subliñou que "tendo en conta que o emprego se crea polos empresarios" a meta é "facilitar o máximo posible" a articulación de "un mercado laboral de calidade". Ao mesmo tempo, incidiu en que a Xunta aposta por "reforzar" dentro das súas competencias "todo o que ten que ver co comercio e apostar por traer talento a través do programa 'Retorna'".

O conselleiro de Emprego, José González
O conselleiro de Emprego, José González | Fonte: Europa Press

PROPOSTA DÍAZ

Ademais, a Xunta instou á vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a expor a súa proposta de permitir a compatibilización do cobro da prestación por desemprego co salario dun emprego no marco do "diálogo social".

"Non debería ser a fórmula de anuncialo primeiro ao Goberno e despois tratalo no diálogo social", expresou a preguntas dos xornalistas este martes o conselleiro de Emprego, José González, que ve "positivo, a condición de que se fale no diálogo social" as medidas encamiñadas a "apoiar a colectivos con dificultades de empregabilidade".

UGT VALORA O ENCONTRO

Nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral de UGT, José Antonio Gómez, valorou a primeira "toma de contacto" co conselleiro, ao que convidou a traballar por facer efectivo "un pacto pola industria e a enerxía". Neste sentido, subliñou a necesidade de que Galicia dispoña de "unha estratexia enerxética" propia que "aproveite as súas potencialidades para encarar os novos modelos enerxéticos pero sempre respectando a contorna".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta