Especies invasoras: o bambú, a planta exótica que fai imposible adentrarse en tramos do río Barosa

Igual levas toda a vida chamando bambú ('Bambusoideae') a algo que non o é, pois adoita confundirse coa cana ('Arundo donax'). Aínda que as dúas son especies invasoras, a problemática coa segunda é moito maior. Da man do portavoz de Amigas da Terra Antón Lois contámosche como diferenciar ambas plantas.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 12/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cana ou bambú, bambú ou cana. Esa é a cuestión. A cuestión que se fan moitos cando vén unha planta con talo alto, duro e redondeado que destaca pola súa espectacular altura e a súa delgadeza. Despois do capítulo sobre o 'Arundo donax', e tendo en conta as dúbidas que aínda seguen existindo ao respecto para diferencialos, o Galicia Confidencial chega cunha nova entrega da nosa serie sobre especies invasoras en Galicia para falar precisamente do bambú ('Bambusoideae'). Para elo botamos man novamente de Antón Lois, ecoloxista e portavoz de Amigas da Terra, que nos explica por que iso ao que levamos toda a vida chamando bambú en realidade non o é.

Masas de bambú no río Barosa, no concello de Barro
Masas de bambú no río Barosa, no concello de Barro | Fonte: Cedida - Antón Lois

En primeiro lugar, Lois confesa que "a maioría das características que ten o bambú si que as comparte coa cana". Entre elas, o sistema de propagación, a través de rizomas (aínda que o bambú tamén é quen de facelo a través de sementes, pero en menor medida), de tal xeito que un anaquiño pequeno da planta que cae ao chan e susceptible de converterse nunha nosa planta. Tamén poden ter certas semellanzas morfolóxicas, pero, para o ecoloxista, "a principal diferenza está na súa estrutura". Neste punto advirte de que, "aínda que moitas veces se adoite confundir con unha árbore, o bambú non é unha árbore, é unha planta, pero ten a capacidade de desenvolver un talo moi grande, que pode chegar ata os 20 metros de altura". Ademais, a modo de diferenza, tamén se debe ter en conta a súa floración, pois "o bambú ten unha floración moi escasa".

"É RELATIVAMENTE FRECUENTE ATOPAR XA MASAS DE BAMBÚ EN MOITOS RÍOS E REGATOS DAS ZONAS ATLÁNTICAS E COSTEIRAS"

Pero, se algo comparten cana e bambú é, sen lugar a dúbidas, a súa capacidade invasora. Lois indica que "cada vez que se secciona ou se vai cortando un bambú, ao igual que acontecía no caso da cana, todos os rizomas e todas as raíces son potencialmente novos bambús que medrarán no futuro". Ademais, "como acontece con todo o resto de especies exóticas invasoras, non ten inimigos naturais na nosa terra, polo que no momento en que atopa un sitio onde asentarse, preferindo as zonas con moita humidade, esténdese moi rápido". Se a iso se lle suma que "vai facendo masas aínda máis mestas que as que fai a cana", o resultado é "unha auténtica pantalla que impide a chegada da luz á terra e o crecemento doutras plantas na zona".

Por poñer un exemplo desta rápida expansión, Lois refírese á situación na que se atopan algúns afluentes do río Barosa, na provincia de Pontevedra, onde "todo o bosque de ribeira en moitos tramos xa é exclusivamente de bambú, e non hai nel ningunha outra planta". E afirma que "xa está en masas tan compactas que é impracticable, non podes nin entrar ata o río do xuntas que están todas as varas". Por outra banda, apunta que "miras ao chan e ves que non hai nada, porque non pode habelo, pois o bambú non permite que chegue a ese chan nin un mínimo raio de luz, de maneira que vai exterminando ao resto das plantas e colonizando o territorio". Esta situación, aínda que é especialmente preocupante no río Barosa, non é exclusiva do mesmo, pois como asegura o ecoloxista, "é relativamente frecuente xa atopar masas de bambú en moitos ríos e regatos das zonas máis atlánticas e costeiras".

Masas de bambú no río Barosa, no concello de Barro
Masas de bambú no río Barosa, no concello de Barro | Fonte: Cedida - Antón Lois

"CHEGOU A NÓS DENDE A INDIA POLA SÚA UTILIDADE: DENDE ALIMENTACIÓN ATA CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS PASANDO POLA CREACIÓN DE CANAS DE PESCA"

Outra das cousas que comparte coa cana é a súa forma de introdución e expansión por países fóra da súa orixe: a India. Neste caso, como acontece con moitas outras especies invasoras, non pesaba a súa parte ornamental e decorativa, senón a súa utilidade. O portavoz de Amigas da Terra asegura que "o bambú é tremendamente versátil, ten unha madeira moi resistente que se usa para todo o que poidas imaxinar: dende alimentación, porque hai moitas variedades de bambú que son comestibles; ata construción, de vivendas, empregándoo como material de construción en moitas zonas de Asia e Xapón, onde as casas tradicionais son de bambú pola súa resistencia; a creación de instrumentos musicais ou ferramentas; e mesmo para facer canas de pescar". "Úsase para todo o que poidas imaxinar", incide, e resalta que, precisamente, "foi esa versatilidade a que fixo que se fora estendendo dende a India a todo o mundo".

Así mesmo, preguntado sobre se o bambú, ao atoparse nesas masas mestas nas beiras dos ríos pode contribuír a frear os seus desbordamentos, Lois teno claro: "si, pero esa é a mesma función que xa cumpre toda a vexetación de ribeira, tamén a autóctona, que entre as súas funcións ten, precisamente, previr as inundacións". As plantas de ribeira, como apunta, "van absorbendo parte do exceso de humidade das zonas fluviais, porque esa vexetación de ribeira é moi porosa e reduce a velocidade liñal de baixada do río en caso de inundacións, mitigando así os efectos dos desbordamentos". Por iso ao ecoloxista lle apena cando escoita dicir á xente que "un río está moi sucio porque ten un bosque de ribeira enorme", xa que "as plantas silvestres non son lixo, teñen e cumpren unha función". 

"SE TOCAMOS O TALO E VEMOS QUE A MADEIRA É MOI MOI DURA, ISO TEN TODAS AS POSIBILIDADES DE SER BAMBÚ"

En resumo, como podemos distinguir unha cana dun bambú a simple vista ou tocándoos? Os 'tips' que nos dá Lois son: a estrutura da cana é moito máis endeble que a do bambú, que é moito máis forte; a cana ten follas moito máis grandes e unha flor moi espectacular na punta que recorda á dos plumeiros da herba da Pampa, mentres que o bambú ten follas moi pequenas e é practicamente imposible velo en flor porque o seu período de floración é moi fugaz; e o talo do bambú, apesares de ser moito máis firme que o da cana, non está cuberto polas follas, como no caso da cana, está limpo; ademais, os bambús forman masas vexetais moito máis mestas e compactas que as canas, polo que nunca se vai atopar un bambú en soidade. Pero, sobre todo, "se tocamos o talo e vemos que a madeira é moi moi dura, iso ten todas as posibilidades de ser bambú".

Agora ben, Lois tamén puntualiza que, polo momento, e afortunadamente, "a expansión do bambú en Galicia non ten nada que ver coa da cana, que se atopa moitísimo máis estendida", tendo en conta que tamén chegou antes. Por iso, se falamos de especies invasoras, poderiamos dicir que o bambú é menos invasor que a cana, o cal non é motivo para relaxar as medidas de erradicación, control e prevención, pois todas as especies invasoras que hoxe en día son un problema para os nosos ecosistemas e especies autóctonas comenzaron espallándose aos poucos, ata que, "pouco a pouco, ante o noso despiste, convertíronse nun verdadeiro problema", conclúe o portavoz de Amigas da Terra.

Arundo donax
Arundo donax | Fonte: Arquivo
Masas de bambú
Masas de bambú | Fonte: Commons - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta