Por Moncho Mariño | Ferrol | 25/05/2024 | Actualizada ás 14:00
-Como naceu a idea de crear unha máquina industrial para limpar grelos?
Nós organizamos unha xornadas técnicas no noso centro de FP en Ferrol. Entón, para axudar ao alumnado para ver se se anima a emprender de cara ás empresas, levamos alumnado á Cooperativa Milulloa onde unhas profesoras falaron do problemático que resultaba a limpeza do grelo porque lles levaba tanto tempo como recollelo, isto creaba un freo no lavado como era o gasto en auga. Despois disto, o director do centro e as profesoras achegáronse ao departamento onde estou eu, Instalación e Mantemento, preguntando: “habería posibilidade de solucionar este problema da auga? A nivel industrial hai máquinas mais son moi grandes e prezo desorbitado”. O que buscaban era algo cunhas dimensións máis pequenas e doada de transportar. Esta necesidade foi a orixe da máquina.
-Está comercializada?
A máquina vai ir rotando por diferentes lugares, desde a Ulloa, á Mariña, como tamén cooperativas ou asociacións de persoas que se dediquen ao apañado do grelo e queiran facerlle un lavado. O obxectivo é que as persoas dedicadas á recollida do grelo, algo tan único e exclusivo de Galicia que pode xerar riqueza interna, poidan usar esta máquina. A partir de aí, que eles decidan se ese gasto lles pode mellorar o traballo en canto calidade de vida e eficiencia. Esta máquina está dividida en dúas partes de dous metros e dez centímetros para que poida caber nun carro. Así se achegaría onde a necesiten, despois dun tempo traballando con ela, a xente poderá dicirme onde lle ven posibles melloras ou modificacións.
-Esta máquina tamén usa auga mais usa aire para secar o grelo.
Si, a máquina está dividida en dúas partes. Unha parte de baño onde hai oito impulsores por cada lado, catro e catro, e despois catro traseiros, aí os vexetais son somerxidos en auga despois de introducilos nun bombo onde os ten en movemento e raspando, logo a auga cae por decantación botando o grelo nunha cinta transportadora. A auga está constantemente circulando pasando por dous filtros, así non se gasta auga. Logo hai dous aspersores para finalizar o lavado, despois dous aparatos de aire soplan para secar a planta e despois pasa por debaixo dunhas lámparas con luz ultravioleta para desinfectar o grelo.
-Creouse unha empresa para o transporte da máquina?
Non, o transporte correría a conta da persoa que o pida e se non tivese vehículo, mirariamos de achegala até alí.
-Houbo algunha máquina sobre a que te fixaras para deseñar a túa?
Vin algunhas industriais, mais só foi para tomar notas. Logo, a partir de aí pensei nas necesidades que se debían cubrir. Isto non deixa de ser unha proba, porque cando chegue o tempo de recoller o grelo, unha época dura, veremos cales son as outras necesidades que se deben aplicar, porque sempre hai melloras para facer.
-Polo que contas estades nunha fase experimental. No caso de resultados positivos con esta limpadora, pensades nunha posible aplicación para outros produtos?
Esa resposta debería dala as persoas que usan a máquina pois lle verían outras utilidades. Por que non? Cando fixemos probas no instituto co alumnado, que debemos dicir que moitas partes foron feitas polos alumnos e alumnas de varios cursos, e coa axuda dun compañeiro do centro, Carlos Pérez, a quen lle tocou a parte de deseño. Logo o corte por láser, porque a máquina está feita en aceiro inoxidable por motivos legais de sanidade e outras partes en plástico. Parte dos cortes fixémolo aquí co noso láser, outras enviámolas fóra, pezas de torneado fixémolas entre o alumnado de aquí e de Burela, con dous profesores que nos botaron unha man. O ensamblado tocoulle a un grupo AFD e logo leva unhas pezas feitas en 3D por uns alumnos que temos nun máster de fabricación aditiva.
-Houbo algunha dificultade durante o decorrer até chegar a ter a máquina preparada?
Moitas veces é o tempo, porque boa parte fixémolo fóra das horas lectivas por iso se fixo un tanto intenso. É gratificante, pois cando a espuxemos na Cidade da Cultura moitos nenos recordaban aos seus avós: “que ben lles viña esta máquina aos avós”. Para min iso é gratificante. Tamén debemos dicir que tivo parte de sacrificado porque nos últimos días hai que apurar os tempos.
-Hai alguén interesado en mercar a máquina?
Houbo persoas interesadas, propostas, non tanto para fabricar, porque dou por feito que a patente é da Consellería de Educación. O interese estaba en ver o que fixemos e o traballo da máquina ademais de probala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.