A XIV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas

A temática desta edición, "O Xardín é unha obra de arte", trae á vila do Arnoia xardíns inspirados en obras de autores como Van Gogh, Monet, Maruja Mallo, Agustín Ibarrola ou René Magritte; e baseados en correntes artísticas como o impresionismo, o cubismo, o surrealismo ou mesmo o pop.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 15/05/2024 | Actualizada ás 08:59

Comparte esta noticia

No Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2024 poderemos atopar xardíns realizados por paisaxistas galegas como poden ser A arte de Mallo ou A cuadratura do círculo, así como xardíns con procedencias de Madrid, Viena, Ecuador ou Portugal.

“Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda. Gañador do FIXA 2023. Foto: Concello de Allariz.
“Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda. Gañador do FIXA 2023. Foto: Concello de Allariz.

No acto de inauguración que se celebrou ás 19:00 h, o sábado 11 de maio, concentrou a gran parte dos paisaxistas que foron elixidos para esta edición. Así mesmo durante o evento procedeuse á entrega do premio ao xardín gañador do voto popular de 2023, Jardín Informal do colombiano Julián Castañeda. Julián recibiu o seu diploma no que se certifica este galardón das mans da alcaldesa de Allariz Cristina Cid.

A súa vez foi entregado o gañador técnico elixido polos membros da Asociación Española de Paisajismo, AEP. Este galardón foi outorgado ao xardín Xeometrías do Nilo do equipo madrileño Sepam, entregando este recoñecemento ao equipo Paz González, vicepresidenta da AEP e Francisco García director do Festival.

VALORACIÓNS

Eduardo Barba, un dos membros do xurado, realizou unha pequena intervención na que  explicou o papel que realiza a Asociación Española de Paisajismo dentro do funcionamento do Festival. Eduardo é paisaxista, escritor e traballa en organismos como o Museo do Prado no que estuda a botánica na arte. El foi o encargado de explicarlle, ao resto do xurado e a todas as persoas que asistiron á inauguración, os criterios que seguiron para escoller os proxectos presentes este 2024.

Luis Menor, presidente da Deputación Provincial de Ourense, falou da implicación que a Deputación de Ourense ten co Festival, grazas o acordo de colaboración acadado nos últimos anos. 

Pechou o acto Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, quen agradeceu a todas as persoas que se achegaron ao recinto. Cristina resaltou a importancia que este proxecto ten para a veciñanza na calidade de vida grazas aos espazos verdes, da dinamización económica e da proxección internacional que ten este proxecto para Allariz. Resaltou a importancia que ten vivir os espazos, e un claro exemplo diso é o Festival. Así mesmo agradeceu o bo facer dos equipos municipais implicados no proxecto. Pechou o acto invitando a todas as persoas alí asistentes que pasaran a desfrutar da primeira visita desta edición: O Xardín é unha obra de arte.

ATA CANDO SE PODEN VISITAR OS XARDÍNS?

Ata o 31 de outubro poderase visitar o recinto que alberga os xardíns que concursan polo voto do público. Amósanse, ademais, os xardíns gañadores na pasada edición e o xardín deseñado polos alumnos e alumnas do I.E.S de Allariz.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade: é o único das súas características que se celebra en todo o Estado reunindo dende hai anos a decenas de propostas chegadas de todo o mundo. Calcúlase que cada ano pasan polo festival uns 40.000 visitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta