Diagnose do galego: catro décadas con delicada saúde de ferro

O Día das Letras Galegas é o momento do para avaliar o estado da lingua galega. Vinte anos do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado co consenso de todos os grupos parlamentarios, acabou sendo acusado de “imposición do galego” por parte do actual grupo político que sustenta o executivo galego. O retroceso da lingua entre xente nova e outros desafíos estarían contradicindo as afirmacións desde as autoridades galegas sobre a saúde da lingua no país

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Parlamento galego chegaba ao consenso en 2004 para o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Vinte anos despois sectores vinculados á defensa da lingua e á súa normalización denuncian a non aplicación deste Plan que, asinado tamén polo Grupo Parlamentario Popular no seu momento, logo foi criticado polo mesmo sobre todo coa chegada á presidencia do PPdeG de Alberto Núñez Feijóo, converténdose en elemento electoralista nas autonómicas de 2009 contra o goberno de Pérez Touriño e Quintana. Quince anos despois, o mesmo grupo político co seu cabeza de lista e flamante gañador das eleccións autonómicas de 2024, Alfonso Rueda, crean unha Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude, algo que chama a atención cando o actual xefe do executivo galego participou nas manifestacións de 2009 contra o Plan de Normalización ás portas das eleccións autonómicas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García | Fonte: Conchi Paz - Europa Press

VOANDO SOBRE O TERREO

As visións relacionadas coa situación do galego son diverxentes segundo os actores consultados. Isto reflicte a división entre pareceres sobre todo desde asociacións a prol da lingua e autoridades vinculadas á mesma. Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destaca a ausencia dunha modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial “para garantir o cumprimento da Carta das Linguas Minorizadas, que no caso do galego non chega ao 1%” na administración de Xustiza. A isto engade o “correlato da Xunta co programa MinervaNox para o funcionariado de xustiza da Xunta que non ten opción en galego”.

Doutra parte, Maceira engade a ausencia do galego no ámbito escolar dentro do que son actividades extraescolares “e a desaparición dentro da educación infantil, tamén está a ausencia do galego dentro do audiovisual” mesmo en contra do que di a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual “onde o 1.5% do contido debera ser en galego para as privadas e o 2.5% para as públicas”. Segundo a Mesa o contido en galego non chega a 0,6% en total.

Podemos dicir que o galego ten unha delicada saúde de ferro, pois dentro das linguas medias (as que teñen un millón ou máis de falantes) é unha lingua maioritaria co 52% da xente que fala só en galego ou máis galego que castelán” apunta o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Outras porcentaxes que ofrece o secretario xeral son que o o 98% da poboación entende o galego, que se ao 52% se lle suman as persoas que falan máis castelán que galego daría un 75% de persoas que saben falar o idioma, un 86% sabe escribilo, un 90% pode ler sen dificultade e o 98% da xente pode entendela sen problemas.

Marcos Maceira, presidente da Mesa
Marcos Maceira, presidente da Mesa | Fonte: irmandade.tv

En tal caso, García recoñece que entre a xente máis nova está perdendo moito terreo “curiosamente nunha das xeracións que mellor saben ler e escribir galego”. O fenómeno, segundo o secretario xeral, dáse máis no ámbito urbano, lugar historicamente desgaleguizador por influencia das clases dominantes. “Hoxe en día o idioma está presente nos medios públicos e nalgúns privados, é a lingua das institucións galegas e onde si gañou é en prestixio”. Mais tamén, a secretaría xeral busca a potenciación da figura do neofalante para quen fala de novo ou non falou galego "sobre todo persoas retornadas da emigración ou xente doutras latitudes e que residen en Galicia”.

FRONTE A NOVOS DESAFÍOS

A incorporación de novas tecnoloxías ao desenvolvemento tanto profesional como persoal levaron á incorporación das linguas maioritarias ao seu uso dentro das novas tecnoloxías. En concreto, e máis actualmente, a Intelixencia Artificial (IA) ocupa unha posición preminente dentro dos desafíos que deberá enfrontar o galego cara o futuro porque a IA significará a interacción mediante a voz con dispositivos electrónicos. “A maioría das linguas francas (maioritarias) son xa inseridas na IA polas grandes corporacións privadas, mais no caso do galego temos que crear unha ferramenta pública que permita a incorporación do software en galego”.

Alén de todo isto, a sorpresa en 2024 deuna outra vez Alfonso Rueda anunciando a creación da consellería de Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixido por José López Campos, a primeira vez que a lingua ocupa unha carteira de seu nun executivo autonómico. “O goberno galego entende que elevar a lingua xunto coa cultura ao nivel de consellería facilitará a acción gobernativa en canto á introdución da lingua e a cultura entre a xente máis nova”. E isto, para García, forma parte do futuro xunto con “políticas para neofalantes dixiridas á xente nova” sobre todo no deporte.

O PAPEL DA NOVA CONSELLERÍA DA LINGUA

“Durante quince anos foi a sociedade quen purrou polo galego fronte a unha actitude de apariencias por parte do goberno galego” di Maceira. “A creación da consellería de Lingua debe materializarse en accións concretas para as que fai falta vontade”. Ligado a isto lembra que tamén foi un goberno do PP quen estaba na Xunta en 2004 cando se aprobou o Plan de Normalización “que ao mellor lle daba rédito electoral daquela e despois era todo o contrario”.

En canto ao novo departamento de Cultura, Lingua e Xuventude, “hai catro semanas que pedimos unha reunión con López Campos para abordar varios temas e aínda non contestou, algo cando menos curioso”. Entre os diferentes puntos que marca Maceira para tratar co conselleiro están o Plan de Normalización e frear a perda de falantes potenciando o uso do galego en diferentes eidos. Non pode ser a sociedade en solitario quen defenda a lingua”.

A realidade para o galego segue sendo a perda de falantes e de terreo en case todos os campos económicos, sociais e tamén administrativos. A creación dunha consellería específica para o idioma alegra a uns e a outros déixaos escépticos, mais a situación continúa coas mesmas reivindicacións por parte das autoridades lingüísticas, “non hai conflicto” e por parte das plataformas a prol do galego “non se está a aplicar a lei”.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Temos exemplos fóra. O galego debe ser a lingua principal do ensino. O concerto con centros privados debe estabelecer o uso do galego como lingua de vivencia cotiá. O galego non pode aparecer no currículo coma unha 1ª ou 2ª lingua esteanxeira. Estranxeiros son eles.