O sector da limpeza en Pontevedra reclama un novo convenio provincial e anuncia folga se non hai avances

Na Coruña, os sindicatos UGT e CIG acordaron desconvocar as mobilizacións previstas na provincia para os próximos 29 de maio e 6 de xuño despois de comunicarlles a patronal que asinarán a actualización das táboas salariais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

Traballadoras e traballadores do sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra volveron a concentrarse este mércores en Vigo para reclamar o desbloqueo das negociacións do novo convenio colectivo, e advertiron de que, se non se producen avances, convocarase folga o próximo outono.

Así o trasladaron os representantes sindicais na protesta que tivo lugar na cidade olívica, fronte ás instalacións dunha das empresas do sector, na que denunciaron o bloqueo das negociacións e anunciaron a convocatoria de folga se non dá resultado a mediación do AGA prevista para o próximo 17 de xuño.

Os sindicatos CC.OO., CIG e UGT iniciaron hai unhas semanas un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio digno e mellores condicións para estes traballadores e traballadoras, e para denunciar a posición da patronal, que "insiste nunha subida salarial de risa" e que non ten "nin o detalle de compensar todo o que pasaron as compañeiras e compañeiros na pandemia".

Segundo lembraron, o convenio provincial está caducado desde o 31 de decembro de 2022, "coa consecuente perda de poder adquisitivo" do persoal e, tras 16 reunións para renovar o devandito convenio, non hai avances, entre outras cuestións porque a patronal "se nega" a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada.

Os traballadores reclaman subidas do 3,5 % para 2023 e do 4 % para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial, mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1, un 3 e un 3 % respectivamente, e sen revisión salarial.

Ademais da provincia de Pontevedra, esta situación de bloqueo repítese na Coruña e Ourense (e antes ocorreu en Lugo), e os sindicatos atribúen este escenario á actitude dos empresarios de cada provincia e á patronal estatal ASPEL.

CONFLITO NA CORUÑA

Na Coruña, os sindicatos UGT e CIG acordaron desconvocar as mobilizacións previstas na provincia para os próximos 29 de maio e 6 de xuño despois de comunicarlles a patronal que asinarán a actualización das táboas salariais. Tamén retirarán o conflito colectivo interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Este anuncio produciuse coincidindo coa protesta de persoal do sector da limpeza esta tarde, en Catro Camiños, para reclamar un "convenio digno" e a actualización salarial do 9,8%, pendente, segundo as organizacións sindicais CIG e UGT, desde xaneiro deste ano.

No marco da mobilización, a portavoz da patronal ASPEL, precisa a CIG, comunicou aos sindicatos que acudirá á comisión paritaria para asinar as táboas salariais co incremento estipulado na cláusula de revisión do anterior convenio, precisa a representación sindical.

A negativa a este respecto motivou a convocatoria de mobilizacións e a decisión de presentar un conflito colectivo. O cumprimento do acordo afecta a case 12.000 persoas da provincia coruñesa, segundo sinala UGT, que confirma que as asociacións empresariais, ASPEL e a de ámbito provincial do sector da limpeza, comprometéronse a asinar a actualización das táboas o próximo 29 de maio.

Protesta en Vigo de traballadores e traballadoras de limpeza de edificios e locais, en demanda dun convenio provincial digno.. CIG
Protesta en Vigo de traballadores e traballadoras de limpeza de edificios e locais, en demanda dun convenio provincial digno.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta