A empresa Erimsa proxecta unha mina descuberta de cuarzo de 1.000 hectáreas na comarca de Ordes

Esta mina proxéctase en zona de produción agraria, polo que a empresa prevé o aluguer de leiras para os traballos, aínda que avisa que os propietarios non poderán incluílas na súa solicitude de axudas da PAC

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2024 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Erimsa, empresa con sede na Coruña --forma parte da compañía Elkem AS (Noruega)--, proxecta unha mina ao descuberto na comarca de Ordes dunhas 1.000 hectáreas para a extracción de cuarzo. Estima que a vida da explotación será de 30 anos, cun investimento de 5,9 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa este xoves de que a Xunta sacou a información pública durante un mes o proxecto de explotación e o estudo de impacto ambiental desta mina nos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso.

Erimsa obtivo en 2015 un permiso de investigación (Andrea número 7137) para avaliar a extracción de cuarzo. Agora, reformula o proxecto da mina para recortar unhas 160 hectáreas respecto do previsto inicialmente e reduce a súa proximidade ao río Tambre.

Esta mina proxéctase en zona de produción agraria, polo que a empresa prevé o aluguer de leiras para os traballos, aínda que avisa que os propietarios non poderán incluílas na súa solicitude de axudas da PAC e "as parcelas declaradas en produción ecolóxica perderían a súa condición de inscritas".

Así, o acceso prevese realizar ao norte desde a estrada AC-224 que une Ordes e Lanzá, e ao sur pola estrada CP-3802 que comunica Ordes con Ponte Carreira. Así mesmo, aproveitará as instalacións existentes na explotación que a empresa ten en Frades para o tratamento do mineral. As previsións desta explotación son de 384.841 toneladas de cuarzo metalúrxico. Das 106 calicatas realizadas, 85 prospeccións foron positivas.

Centro de Ordes
Centro de Ordes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta