Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2024 | Actualizada ás 14:40
O BNG demandou mellorar a atención da saúde mental no ámbito laboral, mellorando a supervisión nesta materia por parte dos inspectores médicos do Sergas a través dunha política "máis proactiva". Foi nunha pregunta exposta na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego polo deputado nacionalista Ramón Fernández sobre os custos indebidos asumidos polo Sergas pola determinación incorrecta de continxencias profesionais ou comúns.
Nela, a secretaria xeral de Sanidade, Natalia Lobato, cifrou esta contía nuns 80 millóns de euros en cinco anos, na súa maioría reclamados ás mutuas, aínda que unha parte tamén ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), por continxencias comúns que debían ser consideradas continxencias profesionais. Foron neste período un total de 7.418 os procesos nos que se determinou o cambio, vinculados na súa maioría con problemas musculares ou de ósos, ademais de cervicais ou outros como fracturas.
No caso da ansiedade, non chegaron ao un por cento polo que o deputado nacionalista apelou a mellorar o control da avaliación de riscos e incentivar as actuacións por parte dos inspectores médicos do Sergas de cara a ser "máis proactivos" nas continxencias vinculadas con este ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.