O PP ve ao goberno do Lores en Pontevedra "en extrema debilidade" e sen "proxecto de futuro"

Rafa Domínguez fixo balance deste primeiro ano do actual mandato municipal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2024 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, fixo balance deste primeiro ano do actual mandato municipal concluíndo que a capital ten un alcalde "en extrema debilidade, sen a maioría suficiente para sacar adiante os asuntos da cidade" e sen "proxecto de futuro".

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, Rafa Domínguez volveu a defender que "Pontevedra necesita un cambio", xa que o actual goberno local do BNG, ao seu xuízo, "abandona ás parroquias, aos barrios" e ademais é "incapaz de atraer empresas e xerar emprego". Segundo os populares, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores está "illado" e carece de "proxecto de futuro". Domínguez enmarcou nesa "debilidade" do Executivo local o feito de que "por primeira vez en 25 anos", o BNG está a negociar co PP unha modificación de crédito para o próximo pleno municipal.

O portavoz local do Partido Popular lamentou a situación que atravesa a cidade por un goberno que "non ten o respaldo suficiente para sacar adiante temas importantes" e comprometeuse a que, desde o seu partido, seguirán "traballando para sacar a Pontevedra desta parálise".

Rafa Domínguez tamén cargou contra o grupo municipal do Partido Socialista por estar a dar "bandazos políticos" que fan que sexa "moi difícil" chegar a acordos con eles, "porque non cumpre o que promete".

O portavoz do PP, que no principio do ano ofreceu ao líder do PSOE negociar propostas de actuación conxuntas, considera agora que "non se dan as condicións neste momento" para unha alianza entre populares e socialistas. "Non me fío deles", concluíu Domínguez.

O portavoz municipal do PP de Pontevedra e presidente local do partido, Rafa Domínguez.. PP
O portavoz municipal do PP de Pontevedra e presidente local do partido, Rafa Domínguez.. PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta