Meloni, Zelenski, Europa e a "humildade dos que non son putos amos"

Cruzamento de ofertas políticas entre Rueda e Besteiro que lle pide que se afaste da liña de Feijóo. O presidente garante que a Xunta prestará "atención" a Europa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonizaron este mércores no hemiciclo galego un debate co foco de Europa que, nun contexto marcado pola campaña para os comicios europeos do 9 de xuño, se traduciu nun cruzamento de ofertas de acordo entre ambos os dirixentes políticos. Un cruzamento de ofertas no que se viu, en parte, certa sintonía no persoal, aínda que non no político nun debate no que se falou de Meloni, Zelenski, Europa e se lembraron as verbas de Óscar Puente dos "putos amos".

No transcurso do mesmo, o presidente galego, quen afeou ao Goberno que dirixe Pedro Sánchez a xestión dos fondos europeos de recuperación, garantiu, ademais, que o seu Executivo prestará "moita atención a Europa" polo seu papel "fundamental". "Con moita humildade, isto non vai de putos amos nin nada", recalcou, parafraseando a expresión coa que o ministro de Transportes, Óscar Puente, definiu a Sánchez.

Previamente, Besteiro lanzáralle unha oferta de acordo con cinco eixos: acelerar a transición enerxética, clarificar a xestión dos fondos europeos, presentar unha postura común en política pesqueira, apoiar o recoñecemento do galego como lingua oficial na Eurocámara e desmarcarse da posición explicitada polo seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, ao abrirse a alcanzar pactos coa primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni.

En resumo, o líder socialista instou a Rueda a "escapar da posición frontista" do PP de Feijóo e abrirse aos acordos co fin de que a Galicia poida gañar peso e influencia en Europa. En concreto, puxo o foco nunha reunión do Comité Europeo das Rexións que, segundo indicou, terá lugar os próximos días 19 e 20 de xullo. Animou ao presidente galego a asistir e abrirse ao diálogo para buscar un acordo de país que permita a Galicia defender "unha posición unánime de país".

Todo coa convicción, dixo, de que Rueda "non é como Alberto" --suxerindo implicitamente que Núñez Feijóo non prestaba atención á política europea--.

"AGRADÉZOLLE O SEU TON CORRECTO"

"Agradézolle o seu ton correcto e a súa preocupación pola miña axenda", respondeu Rueda, quen lembrou que varios comisarios e altos cargos acudiron a Galicia. Coa porta aberta a acudir ao Comité das Rexións, aínda que tampouco deu por pechado que vaia, aceptou "a recomendación" de Besteiro. Con todo, chanceou cos compromisos socialistas na campaña e ironizou con que, "do mesmo xeito que coa AP-9, co tema da lingua pensabamos que estaba conseguido e resulta que non". "Dime que vaia eu alí. Non se preocupe, que tamén levo ese encargo", dixo o presidente galego.

A continuación, reiterou as críticas da Xunta a que o Goberno "centralice" a distribución dos fondos europeos de recuperación e, tras incidir en que non é "mérito" de Pedro Sánchez os miles de millóns destinados a España, defendeu que poderían beneficiar "a máis empresas".

Así, instou a Besteiro a botar unha man na petición de que o Goberno de España articule "outro sistema" para a repartición dos Next Generation que "acabe coa actual situación de parálise". A importancia de Europa para a Xunta e a súa atención está garantida. "Imos seguir aproveitando todas as súas oportunidades porque somos orgullosamente galegos, españois e galegos", aseverou.

CHAMAMENTO A REMAR POLO AVE CON PORTUGAL

Ademais, sinalou ao papel do Goberno central en cuestións como as renovables. "Hai moitos proxectos de enerxía renovable en españa que esperan os Pertes", exemplificou antes de facer un chamamento específico ao PSdeG a remar non só nesta cuestión e os fondos para lograr o respaldo do Goberno estatal, senón tamén no impulso da conexión do AVE co Norte de Portugal.

Rueda no hemiciclo, durante a sesión de control
Rueda no hemiciclo, durante a sesión de control | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

COMISIÓN TRANSFERENCIAS

Por outra banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reafirmou este mércores que a Xunta solicita a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para falar co Goberno central "de todo" o que está pendente de traspaso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta