A UVigo e a USC captan o 14 % dos 45 millóns de euros en axudas ás 'Cátedras Chip' para formar profesionais en electrónica

Trátase dun programa de axudas destinado a formar a 1.000 profesionais en microelectrónica e semiconductores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/05/2024 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O Goberno adxudicou 45 millóns de euros a 17 iniciativas distintas no marco das 'Cátedras Chip', un programa de axudas destinado a formar a 1.000 profesionais en microelectrónica e semiconductores no que a Universidade de Vigo e a de Santiago de Compostela conseguiron máis de 6,3 millóns de euros, un 14% do total dos fondos.

En concreto, a UVigo obtivo 4,73 millóns de euros para un proxecto que ten por obxectivo o acceso aberto a ferramentas de testeo e caracterización de chips fotónicos e electrónicos de nova xeración-NEXTCHIP, mentres que a USC disporá de 1,58 millóns para a Cátedra Televés en Deseño Microelectrónico.

Pola súa banda, dous centros valencianos obtiveron case o 30 % dos fondos dispoñibles. Así, a Universidade Politécnica adxudicouse dous proxectos, un de 4,24 millóns de euros e outro de 3,84 millóns de euros, mentres que a Universidade de Valencia captou 5,07 millóns de euros, segundo os datos da resolución definitiva da convocatoria.

Así mesmo, dúas universidades madrileñas (a Carlos III e a Politécnica) adxudicáronse 8,32 millóns de euros, o que representa o 18,19 % do total dos fondos. En concreto, a Carlos III conseguiu axudas para dous proxectos, un subvencionado con 3,06 millóns de euros e o outro con 1,05 millóns de euros, mentres que a Politécnica conseguiu 4,2 millóns de euros para unha iniciativa. Non entanto, o proxecto particular que máis fondos recibiu das 'Cátedras Chip' foi o da Universidade de Málaga, que conseguiu 5,5 millóns de euros.

Imaxe dun chip en fluorescencia
Imaxe dun chip en fluorescencia | Fonte: USC - Arquivo

Outras entidades académicas adxudicatarias destas axudas foron a Universidade de Sevilla (4,2 millóns de euros), a Politécnica de Cataluña (3,76 millóns de euros), a de Granada (1,21 millóns de euros), a de Castela-A Mancha (1,11 millóns de euros), a de Cantabria (387.150 euros) e a de Navarra (192.953 euros).

Estas cátedras universidade-empresa enmárcanse no Proxecto Estratéxico de Microelectrónica e Semiconductores (Perte Chip) e teñen como obxectivo promover "talento altamente cualificado", destacou o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública nun comunicado. Nese sentido, nas 17 iniciativas que recibirán estas axudas participan 80 empresas de forma individual ou consorciada.

"A través desta colaboración a mobilización público-privada alcanzará os 54,5 millóns de euros de investimento para reforzar e impulsar a formación no ámbito da microelectrónica e os semiconductores. O programa está financiado cos fondos Next Generation EU e terá unha duración mínima de catro anos para formar a 1.000 novos perfís altamente cualificados, aliñados coa demanda do sector", detallou a carteira que dirigie José Luís Escrivá.

Neste contexto, a secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, considerou esta resolución como "un fito na estratexia do Goberno" para xerar talento e consolidar este sector industrial "tan relevante". "Con estas 'Cátedras Chip' estamos a xerar ademais igualdade de oportunidades, porque no estudo destas cátedras poranse a disposición créditos gratuítos de formación para que poida afrontar esta formación calquera persoa con talento con independencia da súa capacidade económica", engadiu González Veracruz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta