A secesión e a frivolidade

A dereita española e catalana son a mesma cousa. Gobernan para beneficiar ás élites e deixan medrar espazos de corrupción arredor dos seus postos de mando. As tramas de corruptela do PP, diseminadas por todo o Estado como unha rede de cloacas, non son diferentes das utilizadas pola familia Puyol e os seus herdeiros, que tamén cobran comisións e levan o diñeiro a paraísos fiscais.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 05/11/2015

Comparte esta noticia
Nos últimos tempos ambas faccións dirixentes están a axitar as bandeiras e tentan inxectar na poboación a ira patriótica, como se a causa dos seus males fose a cuestión territorial e non as políticas aplicadas por eles mesmos. Rajoy desde Madrid e Mas desde Barcelona están a levantar barricadas (en lugar de tender pontes), e tentan alimentar a xenreira mútua. Actúan como dous radicais que estimulan o conflito. O primeiro declárase firme defensor da unidade patria e o segundo fala do “expolio” que xustificaría a secesión. Cunha frivolidade extraordinaria alentan a confrontación (da que  obteñen rédito electoral), sen reparar nas consecuencias negativas que esta estratexia poida provocar; porque hai dinámicas que, unha vez iniciadas, son difíciles de frear e poden quedar fora de control. Uns e outros, vaidosos e irresponsables, incrementan a agresividade dialéctica e as acusacións, en lugar de abrir espazos de diálogo que permitan buscar acordos e evitar a confrontación.
 
Ainda que a situación política e histórica non é a mesma, esta escalada na belixerancia territorial faime pensar na antiga Iugoslavia, xeografía castigada por unha guerra brutal (1991-1995), que deixou 130 mil mortos e milleiros de desplazados. A declaración da independencia de Croacia foi o inicio desta cruel confrontación. Meses antes dese inferno ninguen agardaba a chegada de tanta brutalidade: Iugoslavia estaba a piques de ingresar na Unión Europea. Esa guerra deixou feridas que tardarán décadas en cicatrizar e fragmentou o país en sete estados soberanos con conflitos enquistados moi difíciles de resolver.
 
No verán de 2011 tiven a oportunidade de visitar ese territorio. A paisaxe de Croacia é impresionante. Pero vin outras cousas que me deixaron unha fonda pegada. No seu día escribín: “En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas seguían sen fogar e moitos non volveron cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaron fortunas cos negocios da guerra”.
 
Se cadra o meu temor carece de fundamento. Pero ás veces só é preciso unha chispa para prender o lume. Segundo os historiadores a morte de José Calvo Sotelo foi o detonante principal para o levantamento militar e o inicio da guerra civil española. As circunstancias son ben diferentes mais, con todo, este país precisa, con urxencia, un cambio radical na súa política. Cómpre desterrar esta dialéctica de agresión contínua, é necesario levantar pontes que permitan a aproximación e crear espazos de negociación para construir unha convivencia civilizada. É preciso expulsar aos actuáis ocupantes do poder, que poñen os seus intereses particulares por enriba do ben común, mesmo xogando co risco dun enfrontamento entre irmáns. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.