Independencia de Cataluña

O 9 de novembro pode converterse sen ningunha dúbida, nun día histórico para Catalunya e o resto dos pobos do Estado español. Ese día o seu parlamento dará o primeiro paso oficial, para declarar a independencia desta nación irmá.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 10/11/2015

Comparte esta noticia
Galicia e Catalunya mantiveron historicamente estreitos vínculos, políticos, sociais, económicos, culturais e migratorios.
 
Ao escribir esas letras vénme á memoria o recordo emocionado do meu sogro Leonardo Alba, galego berciano -xa falecido- que presenciara o fusilamento de Lluís Companys i Micó. Recordaba que neses meses fora destinado como soldado de reserva, -obrigatoriamente mobilizado- ao destacamento militar asentando en Castelo de Montjuic.
 
Detido en Francia Lluís Companys é trasladado ata a fronteira española e desde alí á Dirección Xeral de Seguridade en Madrid. Permaneceu ata o 3 de outubro de 1940, sendo interrogado e salvaxemente torturado.
 
Desde aí foi enviado ao Castelo de Montjuic, que servía de prisión. Alí foi xulgado en consello de guerra o 14 de outubro. Como fora xulgado en rebeldía en aplicación retroactiva da Lei de Responsabilidades Políticas por un tribunal especial de Barcelona, só foi xulgado e sentenciado por «Adhesión á rebelión militar», nunha única xornada por un tribunal militar sumarísimo sen garantías.
 
Tras un xuízo que durou unhas poucas horas, foi sentenciado a morrer fusilado. O fusilamento tivo lugar ao comezo do día seguinte, 15 de outubro de 1940, no foso de Santa Eulalia do Castelo de Montjuic.
 
O meu sogro Leonardo recordaba: “Ao chegar Lluís Companys ao castelo comezou o rumor da súa presenza. Os oficiais mantiñan en segredo a súa estancia. Intentaron que a parodia de xuízo e o seu posterior fusilamento fose o máis rápido posible. O día de execución pola madrugada, a misión foi realizada por un pelotón de militares profesionais. Nós os soldados tiñamos prohibido presenciar este autentico asasinato. Cun par de soldados amigos,  amañamonos para poder ver desde un pequeno lugar da muralla de pedra, o que posteriormente iría suceder. O piquete de soldados trasladounos ata un muro do Castelo. Antes de que o pelotón procedese a disparar, solicítolle ao oficial a cargo, como última vontade que non lle vendaran os ollos. Antes que as balas perforaran o seu corpo, levanto o puño e  berrou ¡morro por Catalunya!”. 
 
O meu sogro que proviña da zona minera do Bierzo, de tradición socialista, ao emigrar á Arxentina afiliase ao Partido Comunista Arxentino e mantivo unha férrea actitude antifranquista. Ata moi pouco tempo da súa morte, seguíanos contando esta historia con emoción, que o marcou para toda a súa vida.
 
A morte por Catalunya de Lluís Companys, como a loita de Francesc Macià e o seu pobo, por declarar en varias ocasións o Estado Catalán, calou fondamente na conciencia colectiva de todos os cataláns.
 
Este 9 de novembro iníciase unha irreversible etapa de ruptura democrática, que ten como epicentro a Cataluña e debe terminar nun proceso constituínte en todo o Estado español.
 
As autenticas esquerdas deberán situarse ante este acontecemento, ou son consecuentes na defensa dos dereitos de autodeterminación dos pobos ou continúan defendendo ao nacionalismo español e a súa herdanza neo franquista.
 
A esquerda española no seu pasado reivindicara e defendido teóricamente estes dereitos. No XI Congreso de PSOE realizado en Madrid en xullo de 1918, deciden incorporar o dereito de autodeterminación ao seu programa.
 
Posteriormente o Congreso de Suresnes do PSOE en 1974 retoma este dereito. A resolución Numero 11 deste congreso sinalaba: “Recoñecemento do dereito de autodeterminación de todas as nacionalidades ibéricas.”
 
O mesmo acontece co Partido Comunista de España, que durante a Segunda República, incorpórao ao seu programa e reafírmao en posteriores congresos.
 
Malia iso a maioría das organizacións denominadas de esquerdas, onde agora hai que sumar a Podemos, (aínda que non se reivindique como tal) asumen o dereito a decidir, pero á hora de tomar unha definición, seguen apostando pola España: Unha, Grande e Libre.
 
Galicia debe seguir este camiño de Catalunya, de soberanía e dignidade nacional.  Por iso debemos de iniciar un proceso constituínte que nos conduza á Republica Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.