Descobre praias descoñecidas de Galicia: O Tronco, o areal rianxeiro favorito do avó de Castelao

Tras descender por chanzos de pedra durante uns 15 metros, chegarás a un enclave paradisíaco e pouco frecuentado.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/06/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Agora que chega o veraniño e que o que máis apetece e desfrutar dunha boa tarde de praia, o Galicia Confidencial continúa coa súa serie sobre praias descoñecidas en Galicia, areais nos que podes gozar da tranquilidade do mar lonxe da masificación dos grandes enclaves turísticos. Hoxe falamos da praia do Tronco, situada no concello de Rianxo, onde case todo o protagonismo o levan sempre as praias de Tanxil e As Cunchas. 

Praia do Tronco en Rianxo
Praia do Tronco en Rianxo | Fonte: Turismo de Galicia

Trátase dun pequeniño areal duns 100 metros de lonxitude, con augas tranquilas e sen case algas mariñas ao bordo, que goza do privilexio de estar nunha especie de cala agochada. Para chegar ata este lugar idílico hai que tomar rumbo cara a famosa praia de Tanxil, pola estrada DP-3301, e adentrarse logo na aldea de Cortes. O certo é que hai un cartel que indica onde queda, pero non é tan sinxela de atopar, pois habería que transitar case ata o final da aldea e logo xirar á man dereita ata chegar a un acantilado.

Entre a vexetación verás uns chanzos de pedra que semellan baixar cara o infinito, pero que che aseguramos que che van levar ao paraíso. Non son poucos, nin tampouco están conservados en moi bo estado, pero hai alo menos unha varanda para que non escorregues, así que vai amodo. Ao final dese camiño de pedra, tras descender, tranquilamente, uns 15 metros, atoparás a praia. 

O seu nome estalle que nin pintado, pois na area hai varios troncos de árbores que semellan levar nela moitos anos. Ademais, a parede de vexetación que a rodea ten varias árbores coas raíces espidas, á vista, debido á erosión das mareas na terra. Na pequena vila mariñeira de Rianxo cóntase que esta era a praia preferida polo avó de Castelao para dar longos paseos. E, a día de hoxe, sen dúbida é unha das máis tranquilas e menos frecuentadas da localidade.

Praia do Tronco en Rianxo
Praia do Tronco en Rianxo | Fonte: Turismo de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta