Santiago recupera a súa muralla medieval

Unha aplicación web permite aos usuarios mergullarse na Compostela medieval. Abanca somase ao plan de mecenado para conservar a Catedral de Lugo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/11/2015 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A capital de Galicia recupera a súa fachada medieval, a muralla que foi demolida definitivamente no século XIX, pero que viviu numerosos episodios históricos. Unha aplicación web, desenvolta polo Consorcio de Santiago en colaboración co Concello compostelán, permite mergullar aos usuarios na antiga Compostela.

Debuxo de comos ería a Porta de San Francisco da vella Compostela
Debuxo de comos ería a Porta de San Francisco da vella Compostela | Fonte: murrallasantiagocompostela.com

Os arquitectos do Consorcio responsables desta iniciativa son Pablo Tomé e Idoia Camiruaga explican que é unha guía para descubrir que a cidade segue amurallada. “Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, estivo delimitada e defendida por unha muralla. Non obstante, sobre todo nos últimos decenios, pensouse que levaba destruída máis dun século. En realidade consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas. Ademais, consérvase a súa traza”, indican. 

Froito de diversas investigacións, hoxe posúese moita información sobre o aspecto da antiga muralla e é posible localizar algunhas das súas partes. Así, esta aplicación recolle o resultado dos últimos traballos levados a cabo polo Concello de Santiago. E pode visualizarse tanto dende un ordenador como dunha tableta ou un smartphone.

A aplicación proporciona planos e información sobre a historia da muralla: a súa orixe, significado, características, usos e a súa evolución ao longo dos séculos, xa que se derrubou de xeito paulatino durante a segunda metade do século XVIII e no XIX. Tamén se recolle unha galería de mapas, planos de detalle da construción, fotografías antigas da cidade e imaxes actuais do casco histórico, debuxos e mesmo sons e vídeos do fluír de Compostela en diferentes momentos do día, ou un puzzle que permite construír a muralla, entre outras posibilidades.

Conservación da Catedral de Lugo

Por outra banda, o Bispado de Lugo e Abanca acaban de chegar a un acordo mediante o cal a entidade financeira participará no plan de mecenado que puxo en marcha a Fundación Catedral de Lugo.

Isto será así para financiar "accións de mantemento, conservación e promoción" dese templo, recentemente declarado Patrimonio da Humanidade, xunto co Camiño Primitivo a Santiago.

Coa firma deste acordo, Abanca apoiará á Fundación en todas as accións de mantemento, conservación e promoción da Catedral que realice durante o ano de vixencia do convenio. Entre os seus obxectivos destacan a "promoción, divulgación, conservación e fomento dos valores culturais, históricos, relixiosos e patrimoniais" da Catedral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta