Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 18/11/2015
Prezada Mónica que navegas em vários mares de música. Jazz, folque, clássica, experimental.... onde te sintes mais Tu e feliz no cenário?
A verdade é que cada vez téñenme menos sentido as etiquetas. Véxome na obriga de usar esos termos para poder falar do meu traballo en términos profesionais pero MÚSICA só hai unha e síntome inmersa felizmente nela...
A tua biografía é ampla, variada e aventureira. Entre as tuas acçons tá o achegamento á gente á rua, e qualquer espazo é bom para cantar. Qué é o que che dá e che quita o canto de xeito individual e colectivo. É atualmente recíproca a energia invertida, emitida e recivida?
O canto dame presente, plenitude, absoluto, cercanía co mundo e cos demáis seres; rompe o individualismo, sempre é colectivo... aínda cantando soa conecto co resto.
O canto quita silencio, tan importante como o propio canto.
Posiblemente a enerxía invertida e recibida se equilibren sempre... non o sei; procuro facerme cargo responsablemente dela.
No teu travalho com os nenos tanto em Pontevedra na Afi como agora na Escola do Meio, qué é o que mais valoras? Qué caréncias ou ocos vês ao travalhar com a capacidade criativa? Quais som os valores que promoves na aula?
O que máis valoro é a improvisación creativa, o fluir no presente. Isto é algo supervalorado a nivel social polos adultos. Pagamos moito diñeiro e invertimos moito tempo para conseguir esta iluminación que temos de xeito natural durante a infancia; por algunha razón os adultos tendemos a anular esta iluminación dos pequenos mediante o que chamamos “educación” mentres nos a buscamos desesperadamente...
A música, e especialmente a voz por ser o instrumento musical máis intuitivo e persoal, é unha ferramenta idónea para a improvisación creativa xunto co traballo corporal e a pintura. Resulta moi agradecido o traballo cos nenos nesta materia porque para eles é natural, están desexosos de música, danza e xogo. Tanto na etapa da AFI como agora na Escola do Medio, a base é a creación dun espacio físico e emocional axeitado para que eles desenvolvan ese tesouro que levan consigo. Eu son guía observadora e xeradora dese lugar en complicidade cos pais e nais. Os nenos agradéceno moito e eu a eles por brindarme momentos tan especiais... momentazos!.
Carencias?... En todo caso pola miña parte, cando perdo a nena que hai en min. Entón trato de recuperala.
Os valores que promovo na aula son respeto no compartir e coidado dos compañeiros (as idades van de 0 a 8 anos), liberación, liberdade, busqueda da beleza mediante o son vocal e instrumentos musicais, creatividade, escoita, curiosidade, serenidade, vitalidade, autoestima, disfrute...
A tua chegada á cidade- aldeia "artística" de Compostela foi como um furacam. Facilmente podia-se desfrutar da tua arte em qualquer lugar. Cómo é agora a tua relazom com esta cidade que tá passando novas ondas políticas transitáveis.
Mudeime a vivir a Compostela nun momento de cambios grandes para min; todo era novidade, sorpresa, aventura e subidón coa sua dose de desamparo e medos. O xeito de afrontar a situación foi plantándome con todas as miñas forzas no novo hábitat.
Compostela é un verdadeiro patio de recreo das artes porque hai moito artista aquí e moito público... isto está por enriba da política.
Despois de catro anos en Compostela xa non hai tanta novidade nen montaña rusa para min e a actividade é máis serena, para ben da miña saude e para a variedade cultural da cidade.
Entre as tuas capacidades admiráveis creio que tá a comunicaçom escrita e visual do que es e fás. Quero dizer, tes muito coidada a presenza nas fotografias, textos, e explicaçom das tuas atividades na web. Isto bem duma fonda reflexom e luz natural no que queres fazer e cómo?
Si, reflexiono moito sobre o que fago o dende onde o fago. Preocúpome por transmitilo. Internet é directa e funciona, chega. Gústame a fotografía e o deseño e elaboro a maior parte da difusión do meu traballo. Para cousas delicadas que non dou feito contrato alguén que me entenda ben para que fotografíe ou deseñe o que quero mostrar.
Cómo foi a tua estádia em Madrid. Carregada de coissinhas para aprender. Conta-me porque te fuches para alá, porque voltaches.
A miña estancia en Madrid foi sorprendentemente rica, unha gran etapa. Aprendín moitísimo e coñecín a xente estupenda coa que manteño contacto. Non tiña planeado irme a vivir a unha gran cidade e, teño que admitilo, tiña prexuízos... Decidinme a ir porque en Vigo non tiña plaza no Conservatorio Superior de Música e en Madrid, unha vez pasado o exame de acceso a Escola Superior de Canto, si. Alí cantei moito con variados proxectos musicais, licencieime en Teatro lírico e traballei nun proxecto maravilloso; 27 músicos fundamos a asociación Música e Danza Viva mediante a cal aínda agora se xestiona a Escola Municipal de Música de Valdemoro... un soño feito realidade, un proxecto educativo exemplar e fructífero no que participei como profesora e xefa de departamento de canto ata que voltei a Galicia. Costoume moito tomar a decisión de volver e foi por motivos maioritariamente persoais.
Quais som os projectos nos que andas ao 100% ou que é o que tes ganas de experimentar ainda ?
Proxectos que me manteñan económicamente pero sen privalos de esa exploración que dis. Non é doado combinar as duas cousas pero considéroo necesario.
As aulas de canto son un exemplo desta convivencia; gústame compartir o que eu tanto busquei e atopei na miña formación vocal, a chave para a liberación do meu son e de gran parte de min. Síntome identificada co meu alumnado e transmítolles o que a min me axudou. As aulas tamén permiten esa parte creativa e máis tola que a min tanto me atrae.
O traballo profesional como cantante resulta máis dificil de argallar. Pero non podo prescindir desta exploración vital para min, e sigo apostando. O meu último disco Dos fios Invisibles Chegan as Cores, xunto co guitarrista Virxilio da Silva, segue a traernos directos moi interesantes. Tamén o proxecto que estou a gravar co arpista Luís Martínez Pérez chamado Raíces Aéreas. Voz soa, concerto-performance onde canto en solitario, levoume a explorar o traballo de música vocal a capella, que estou compoñendo e gravando tamén...
Cómo consideras que tá a uniom musical a nivel ofício. Hà eivas de compartilhar entre géneros, muita ou pouca competéncia mal entendida, apoio entre individualidades. Nom sei. Desde que vives da tua arte cómo vês o processo desenvolvido?
Compártese moito artísticamente e o gremio musical está a ser máis creativo e fructífero que nunca. A competencia é máis ben económica. Deslígome da carreira de traballar máis para cobrar menos. Considero boa a competencia que me motiva a crear máis e mellor, reinventándome para sobrevivir pero recreándome na vida.
Empecei o meu proceso traballando en grupo e bótoo de menos... pero é realmente difícil manter unha banda hoxe en día. Agora traballo soa ou a duo a maior parte das veces. A parte positiva desta situación é a escoita máis profunda de min mesma, enfrentándome ós meus medos e apreciado as miñas virtudes.
Qué figuras, pessoas, ideias com empaque afectarom-te para medrar, bem, mais e melhor?
Quixen aprender música e tocar o piano de cativa. Pasei moito tempo improvisando nel coa luz apagada, “flipándolo" moito. Tomaba aulas e tocaba pezas clásicas. Pero decateime cantando que ese era o meu medio e por ahí seguín académicamente e creativamente coa agrupación musical Arte nut, de ahí o meu nome artístico e trampolín profesional. Escola Estudio de Compostela, Seminario de Jazz de Pontevedra, Etrad e Conservatorio de Vigo, Escola Superior de Canto de Madrid... non deixei de empaparme dende aquela, sempre bebendo de moitos xeitos de facer música. Aprendín de todas as persoas coas que fixen música, da escoita, dos meus profesores. Teño que destacar a persoa que me ensinou a liberar a miña voz de grandes carencias; a pianista e profesora de canto Aída Monasterio, unha gran profesional e unha grandísima persoa e amiga. Coa sua axuda fun quen de unir todas as teselas do meu mosaico de vivencias e aprendizaxes musicais tan variadas.
Ugia Pedreira - Cobrantas
Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.
Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.