Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 24/07/2024 | Actualizada ás 21:40
Continuamos cunha nova entrega da serie "Galidanzantes" con parada na parroquia de Carril, pertencente ao concello de Vilagarcía de Arousa. Aló celebran as festas na honra a Santiago Apóstolo, os días 24 e 25 de xullo, e realizan a Danza das Espadas, tamén coñecida como Farsa, un dos bailes máis antigos de Galiza. Datan as primeiras referencias a esta tradición do ano 1666 e consérvase neste lugar con xeracións e xeracións danzando a un mesmo compás. Este ano levarán 358 bailes na honra ao seu patrón e co 25 de xullo como día marcado no calendario para os carrilexos. Sobre as 19:30 horas, os danzantes agardan diante da igrexa para comezar a realizar un protocolo que os diferencia. "Antes denominábase farsa porque danzaba xente maior e era máis ben unha troula. Eu fun danzante desde os oito anos e aos 20 collín o relevo para dirixila e hai sete anos tiven que deixalo por saúde", explica José Manuel Longa, quen foi director da Danza das Espadas i é parte da Comisión de Festas do Santiago Apóstolo de Carril.
Este ano suman un día de festa, o día 26, aínda que comenta José Manuel que desde que ten "uso de razón, de toda a vida" foi sempre o 24 e 25. A progamación trae unha oferta variada "para que baile tanto a xente maior como os máis novos". O día 24 teñen aos grupos La Banda de Ayer e a Assia como pistoletazo de saída. Para o día grande, o 25 de xullo, contarán cunha verbena amenizada pola Orquestra Fuego e cunha proposta de DJs, como JJ Compota ou Paco Vulkano, que tocarán desde a unha ata as seis da mañá como novidade. Tamén como punto diferencial para o derradeiro día teñen unha festa infantil con inchables, touro mecánico, festa da escuma e a actuación de Marieta e Os Mariachis. "E acábanse as festas ata o ano que vén, que para este conseguimos xuntar un orzamento de 37.000 euros que para ser Carril está moi ben", indica José Manuel.
A SIMBOLOXÍA NA DANZA DAS ESPADAS
Nada do que presenciarán veciñanza e asistentes é casualidade, no atrio a xente xúntase deixando espazo no medio para a Danza de Espadas, sen querer perder ningún detalle. Hai unha persoa encargada de dirixir ás tres filas para que todo saia ben e tres persoas que encabezan o baile por portar as tres espadas que se entrecruzan: os da faixa vermella a cada lado e os da amarela no centro, conformando ás cores da bandeira española de tres en tres. A partir de aí danzan con esas cordas nun traballo incrible de coordinación, tanto homes como mulleres, nenos e nenas, coas castañolas na man soando como protagonistas.
A base da vestimenta que levan é de cor branca, tanto o pantalón como a camisa, que leva bordada a cruz vermella de Santiago, así como unha faixa de cor amarela ou vermella, segundo a liña corda que teñan, e unha boina. "Antes do inicio, quitamos as boinas e fincamos os xeonllos diante do Apóstolo Santiago coas espadas na man. Logo sairemos danzando por seis diferentes puntos no percorrido pola procesión, pasando por debaixo da imaxe en cada un deles", comenta o danzante a ex director. Nese intre verase un espectáculo que os danzantes estiveron ensaiando para garantir un bo resultado e homenaxe ao patrón: "Ensaiamos 20 días antes da festa porque os nenos xa veñen aprendidos, algúns xa veñen desde os cinco anos aos ensaios e comezan a danzar aos oito, rápido se adaptan".
Cando todo listo, soan os tambores e gaitas, normalmente, da Banda de Música de Vilagarcía de Arousa, e a imaxe do Apóstolo Santiago no exterior. Durante a celebración soan tanto o Himno Nacional como o Himno Galego. A imaxe xa fóra da igrexa prepárase para a procesión, mentres que os danzantes teñen as tres espadas cruzadas no chan e agardan polo momento clave para comezar. É o párroco o encargado de iniciar a Farsa dando uns pasos tradicionais en torno ás espadas. Unha vez finaliza, saen os cabezudos, seguidos dos danzantes que van diante da imaxe do patrón percorrendo as estreitas rúas da vila. "Este ano presentamos a dous cabezudos novos, con especial valor en visibilizar a Síndrome de Down", explica.
RECOÑECIDA POLA UNESCO
Agora mesmo son sobre 15 danzantes en cada fila, cun total de preto de 40 persoas unidas a un son e por un sentimento. José Manuel lembra os seus inicios: "Cando comecei eramos cinco en cada corda, uns 15 en total, aló polo ano 1964, eran as cordiñas pequenas porque non había máis. Nese intre desfíxose a Danza de Espadas dos homes maiores e comezamos a danzar os nenos porque o cura consideraba que era mellor opción para a procesión". Cando se lle pregunta polo que sente, despois de ver que co paso do anos aumentaron os danzantes, confesa que "é un orgullo para a xente do Carril". Describe que non se trata de algo pasaxeiro, senón de xeracións e xeracións unidas: "Meu avó xa dirixiu a Danza e o meu pai tamén bailou, isto é de tradición familiar".
Que significa dirixir a Farsa? "O que dirixe a Danza das Espadas é o punteiro, o que sinala as formas que hai que facer e máis o que pon unha orde, senón con tanta xente sería un desastre. É incrible como a xente máis nova se transforma durante a procesión sacando o lado máis serio. É algo da vila, hai xente que durante o ano vive fóra de Carril e que vén expresamente para ver aínda que sexa só a Farsa". José Manuel dirixiu o baile durante moitos anos e cando deu o relevo valorou principalmente o sentimento que a persoa tería por esta danza gremial. "Eu aínda podería bailar, que estou áxil, pero por cuestións de saúde tiven que deixalo", comenta.
Ninguén quere perder detalle do momento da procesión, xente desde os balcóns e moitos dispositivos móviles gravando nun ambiente de devoción e emoción. A tradicional Farsa simboliza a historia da poboación de Carril e une xeracións con único sentir. Foi recoñecida pola UNESCO como Patrimonio Cultural da Humanidade, algo que trouxo moitas alegrías a unha parroquia coñecida tamén polas ameixas. "Agora queremos conseguir o recoñecemento de Ben de Interese Turístico Galego e desde logo para comer ameixas hai que vir a Carril", expón. Así, o baile está estreitamente vinculado á tradición mariñeira, é dos bailes gremiais máis antigos e de aí o seu valor. Tan importante é que se di que que os nenos e nenas de Carril xa nacen danzando a Farsa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.