Trece campións galegos

Presentada a quinta edición do calendario ‘Galegos e campións’, editado por Coca-Cola coa colaboración da secretaría xeral para o Deporte co obxectivo de ser “un escaparate de deportes minoritarios".

Por gcdeportes | A Coruña | 26/11/2015 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Pablo Sanmartín (bádminton) é xaneiro; Marta Canella (básquet) para febreiro e Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) en marzo; abril con Aroa Freije (pentatlon) e maio con Teresa Portela (piragüismo); xuño para Miguel Alvariño (tiro con arco); xullo é Pablo Rodríguez (BTT) e agosto, Vanessa Sotelo (fútbol sala); setembro, con Paula Medín e Vanessa Rial (rugby); en outubro, Marta Brañas (boxeo); novembro, Lúa Piñeiro (taekwondo); e para rematar o ano, o marinense Jean Marie Okutu (atletismo). Van xa cinco edicións, cun total de 79 deportistas do país, do calendario Galegos e campións, editado por Coca-Cola coa colaboración da secretaría xeral para o Deporte da Xunta e co obxectivo de ser “un escaparate do deporte minoritario”.

A sede de Coca-Cola Iberian Partners na Coruña acolleu a presentación da edición do 2016 de Galegos e campións, da que nas vindeiras semanas se repartirán 10.000 calendarios entre toda a hostalaría galega. Á presentación acudiron Xosé Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, e tres dos protagonistas: Miguel Alvariño, campión da Final da Copa do Mundo de Tiro con Arco 2015; Marta Brañas, récord profesional ranking Internacional de boxeo México-España 2015, e a taekwondista Lúa Piñeiro. Por parte da empresa anfitrioa, María Sande, xefa do departamento de Comunicación.

Miguel Alvariño, Lúa Piñeiro e Marta Brañas, entre a responsable de Coca-Cola e Lete Lasa.
Miguel Alvariño, Lúa Piñeiro e Marta Brañas, entre a responsable de Coca-Cola e Lete Lasa. | Fonte: cocacola.es

Dos 13 deportistas que aparecen no calendario (dous en setembro), nove son mulleres. “Están demostrando o potencial do deporte feminino galego”, explicou Xosé Ramón Lete, quen se amosou convencido de que os protagonistas do calendario ampliarán o palmarés “olímpico” do deporte galego na vindeira cita de Río’2016. E, sobre o futuro, añadiu: “Está garantido que haberá máis deportistas e case tan bós como os que forman o calendario este ano”. Lete Lasa salientou os éxitos mundiais dos deportistas galegos, envexa para moitas “outras comunidades”.

En representación dos deportistas, a púxil Marta Brañas, que a vindeira semana disputará o primeiro campionato de España feminino profesional, orgullosa de ter participado no calendario agradeceu “a iniciativa” de Coca-Cola por “promocionar os deportes minoritarios que non saen tanto nos medios”, un "incentivo para outros deportistas que poidan saír nos vindeiros anos”.

“Son galegos e os nosos campións. Miguel, Marta, Lúa, grandes deportistas e grandes persoas. Este calendario pretende ser escaparate para os deportes máis minoritarios”, destacou María Sande, directora de comunicación de Coca-Cola Iberian Partners.

A paratriatleta Susana Rodríguez, imaxe de marzo no calendario.
A paratriatleta Susana Rodríguez, imaxe de marzo no calendario. | Fonte: @SuRGAcio
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta