Quen terá dereito á axuda de 100 euros por fillo da Xunta?

O presidente da Xunta desvela hoxe as claves da súa medida estrela contra o envellecemento. Con todo, o texto definitivo non se coñecerá até o xoves, xusto cando comeza a carreira electoral cara Moncloa. Alberto Nuñez Feijóo admite que “xa sabemos que con isto non se vai ter máis fillos”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2015 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo anunciou este domingo que o Consello da Xunta aprobará o xoves os límites de renda que dan dereito a esta chamada "tarxeta familiar". Polo tanto, os galegos coñecerán quen terá dereito a medida estrela do Goberno Galego para 2016 só unhas horas antes do inicio da campaña electoral das xerais.

Nenos nunha escola infantil
Nenos nunha escola infantil | Fonte: centros.edu.xunta.es

 

Segundo informou o presidente da Xunta este domingo na Radio Galega, as familias galegas van recibir a axuda de 100 euros mensuais por cada fillo nacido a partir do 1 de xaneiro. Agora ben, hai límites de renda para deixar fóra da axuda aos máis ricos. 

 

Así, Feijóo dixo hoxe que non cobrarán aquelas familias con rendas de ata 45.000 euros/ano (3.750 euros/mes) en conxunto. Antes estimara que non terán dereito á subvención as familias con rendas superiores aos 10.000 ou 12.000 euros por persoa; pero hoxe fixou o límite per cápita en 13.500 euros. Así, unha familia de tres membros non podería superar os 40.500 euros/ano entre todos. 

 

Segundo cálculos do goberno, o 85% dos nenos que nazan en Galicia a partir do 1 de xaneiro terán dereito á tarxeta familiar para cobrar cen euros ao mes. 

 

A Xunta promete que vai aprobar a medida no Consello do xoves e de seguido o regulamento das solicitudes para poder presentalas xa dende aninovo.

 

Con todo, algúns detalles dese regulamento xa se coñecen. Os 100 euros cobraranse a través dunha tarxeta bancaria. O obxectivo é forzar aos pais a gastalos en produtos para bebés (cueiros, roupa, etc.).

 

A Xunta quere evitar que se usen os 100 euros para outros obxectivos. O Goberno poderá revisar os gastos feitos coa tarxeta e comprobar se están vinculados a crianza do neno. 

 

A duración da axuda será exactamente dun ano e o recargo do monedeiro electrónico faranse en doce prazos. O Goberno Galego está a negociar coas entidades bancarias a emisión destas tarxetas.

 

O propio presidente da Xunta admitiu hoxe que a cantidade subvencionada non é dabondo para solucionar a “gravísima” crise demográfica do país. Alberto Nuñez Feijóo non se fai responsábel dela, pois argumentou que sucede dende os anos 80 e que é un problema “estrutural”.

 

“Xa sabemos que con iso non se vai ter máis fillos, pero si queremos mandar unha mensaxe á sociedade, que Galicia sexa un bo lugar para ter fillos e que os fillos que temos en Galicia témolos que coidar”, concluíu.

 

 

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Churras churrasss... cen euros... chuuurras....! Noxo dá ver como o PP argalla a última das súas miserentas estratexias electorais... Seguro que as comisións bancarías serán moito máis suculentas a partires do 1 de xaneiro... que os cen euros en cueiros e leite materna!