Preséntase o primeiro documental interactivo da arqueoloxía galega

Lume na Auga é un proxecto de investigación sobre Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, do que forman parte arqueólogos, astrofísicos, historiadores, biólogos e divulgadores científicos.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/12/2015 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A arqueoloxía galega xa ten o seu primeiro documental interactivo. Trátase de Lume na Auga, un documento audiovisual sobre os santuarios da Idade do Ferro de Santa Mariña de Augas Santas. Nel recóllense os resultados das investigacións dun grupo de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC.

Santuario rupestre en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz
Santuario rupestre en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz | Fonte: santamariñadeaugasantas.com

Este equipo multidisciplinar está dirixido polo catedrático de Historia Antiga da USC Marco García Quintela e del forman parte arqueólogos, astrofísicos, historiadores, biólogos e divulgadores científicos. O documental recolle ademais toda a tradición oral sobre os xacementos da zona. Investigadores e veciños achegaron os seus coñecementos sobre ciencia e tradición para conseguir un produto único.

Deste xeito, o documental web permitirá aos usuarios coñecer a arqueolloxía cunha experiencia interactiva única. Poderán ver o vídeo e simultáneamente consultar toda a información científica do proxecto que aparece integrada nel. Cun simple click sobre a imaxe poderase coñecer o currículum e tódalas publicacións das persoas entrevistadas, localizar nun mapa os sitios arqueolóxicos, ler libros antigos nos que xa se fala dos xacementos da zona, coñecer os restos atopados en excavacións e gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense, acceder a documentais sobre outros espazos sagrados da provincia ou coñecer santuarios da Idade do Ferro doutros lugares de Galicia e España.

Santa Mariña de Augas Santas, un lugar máxico

Santa Mariña de Augas Santas é unha parroquia especialmente rica en xacementos arqueolóxicos: un castro, un santuario e unha sauna tamén da Idade do Ferro, un petróglifo con funcións rituais. “Ningún destes xacementos é un caso único: hai milleiros de castros e petróglifos en Galicia e temos outras saunas e espazos sagrados que chamamos santuarios”, sinalan os investigadores.

Forno da Santa en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz
Forno da Santa en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz | Fonte: santamariñadeaugasantas.com

“O singular en Santa Mariña é que todos estes elementos aparecen concentrados nun espazo moi reducido e este feito de estaren tan próximos permite un novo xeito de estudalos”, apuntan. Aquí podemos ver que relación teñen uns xacementos con outros e iso danos moitísimos datos, por exemplo, sobre como era a relixión na Idade do Ferro.

Asi, o castro de Armea ten na croa unha rocha movida seguramente co esforzo de moitos homes. As fendas desta pedra, aliñadas co petróglifo da Vacariza, marcan o lugar polo que nace o sol no solsticio de inverno. A sauna situada baixo terra ao pé do castro ilumínase só o 1 de febreiro, o día que marca xusto a metade do inverno e que as culturas celtas celebran co nome de Imbolc. A gran pía do xacemento do Monte do Señoriño marca (coa súa diagonal) o amencer do 1 de novembro, o día no que os nosos antepasados celebraban o comezo do ano.

“Todos estes elementos parecen conformar un gran calendario solar na paisaxe pero son algo máis. Son santuarios, espazos de culto, que marcan os distintos momentos sagrados do ano e que acollerían as celebracións correspondentes a cada unha desas datas”, apuntan.

Os arqueoastrónomos non teñen dúbidas. “Aquí non hai espazo para as casualidades”, din. Estas orientacións foron medidas por astrofísicos do INCIPIT-CSIC especializados nestas cuestións, “contrastadas con documentación histórica e arqueolóxica doutros países de cultura celta e comparadas con outros xacementos nos que se repiten estas mesmas orientacións solares (tódalas pías atopadas ata agora en Galicia na contorna dos castros, por exemplo, marcan o amencer do un de novembro)”.

O documental compleméntase ademais cunha ducia de pequenos vídeos sobre cada un dos espazos arqueolóxicos da parroquia. Propóñense roteiros para visitar todos estes lugares e, se clicamos en cada unha das paradas do roteiro, veremos o vídeo explicativo que se corresponde con ese espazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta