Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 08/12/2015 | Actualizada ás 16:15
O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "o tripartito opositor" non foi quen de "establecer un proxecto alternativo ao presentado polo PP, nin xuntos nin como partidos independentes".
Así se expresou o mandatario galego na súa valoración do debate electoral celebrado onte e onde se discutiron as propostas do PSOE, Ciudadanos, Podemos e as do Partido Popular. Polos conservadores foron defendidas pola vicepresidente do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, dado que o presidente Mariano Rajoy non se atreveu a participar.
Nunha visita ao Concello de Vilagarcía onde estivo acompañado do candidato número cinco ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Tomás Fole, Feijóo sinalou que “nin o PSOE, nin Ciudadanos, nin Podemos teñen un programa alternativo de goberno por separado”.
Segundo Feijóo, en contraposición a isto, “a vicepresidenta presentou un proxecto de país, un balance dos últimos catros anos e propostas para os catro anos seguintes”, asegurou.
En canto a intervención dos outros partidos, Feijóo sinalou que “Ciudadanos demostrou bastante nerviosismo e mesmo algún tic autoritario”, o que, segundo as súas palabras, acredita que “unha cousa e falar e outra presentar un programa para un goberno de un país como España”. “Creo que se desinflou e non aproveitou o debate”, engadiu.
No tocante a Podemos, si recoñeceu que “o partido de Pablo Iglesias sacou proveito da súa intervención para o seu electorado e que conseguiu erosionar en boa parte ao PSOE que se presentaba como algo novo sen recordar que ten moito pasado”, dixo Feijóo.
O presidente do PPdeG contrapuxo a estes partidos cos populares, apuntando que “eles si teñen un proxecto de país para que España siga funcionando e para que sigamos aproveitando os catro anos de esforzo da sociedade española, que empezan a dar resultados”.
Segundo Feijóo, a ausencia do candidato do PP á presidencia, Mariano Rajoy, foi unha decisión acertada por varios motivos. O líder do PPdeG recordou que o presidente do Goberno xa irá o vindeiro luns a un debate con Pedro Sánchez, o líder do partido da oposición con máis escanos no Parlamento e máis importante en España, gobernando o país durante 22 anos.
Ademais, explicou que dos partidos que onte participaron, dous non tiñan representación parlamentaria e, sen embargo, forzas políticas que si a teñen como UPyD ou Esquerda Unida non estaban. Por este motivo, Feijóo apuntou que non consideraba vinculante a presenza do presidente do Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.