As anormais cifras de mortes no traballo en Galicia: quen é responsable?

O mes de agosto concentrou en quince días catro mortes por accidente laboral. Unha concentración de falecementos inusitada para algúns grupos políticos e para a maioría dos sindicatos. Os factores que poden estar detrás desta sinistralidade son variados aínda que case todos apuntan a falta de prevención ou non cumprir coas medidas de seguridade no posto de traballo

Por Moncho Mariño | Santiago | 09/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O verán de 2024 vai finalizar cun mes de agosto onde se concentrou un dos números máis elevados en sinistralidade laboral. Catro falecementos cuxo acontecemento deixa serias dúbidas sobre o cumprimento das normas de seguridade, ben por parte da empresa, ben por parte do traballador ou por ambas as dúas partes. Así, o día seis de agosto morría un traballador en Lugo despois de caer sobre el unha árbore. Unha semana despois, o día 14, morría un traballador en Santiago por caía desde o alto dunha nave. Ese mesmo día, outra caída resultaba mortal para un operario en Pontevedra. O 20 de agosto morría outro traballador en Padrón atropelado por unha pa mecánica. Visto este resultado a pregunta é se tanto empregados como empregadores cómpren coa lexislación en materia de seguridade laboral ou hai un deixamento das normas máis esenciais para protexer a vida dos e das traballadoras.

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com


AS CIFRAS NON SON NORMAIS
“Catro mortes en quince días non é normal, hai que dicilo así e por tanto debe denunciarse o feito”
de que isto non pode ser tan casual. Así o manifesta o deputado do BNG no Parlamento Ramón Fernández Alfonzo. O pasado día 23 presentaba unha interpelación á Consellería de Emprego para ter unha resposta aclaratoria das circunstancias que envolven os últimos sinistros laborais. “En xuño catro mortos no afundimento do Argos Georgia e agora, en quince días de agosto, outros catro mortos” insiste Fernández Alfonzo. Porén, cando as autoridades laborais ofrecen respostas son “normalmente xenéricas, apuntan que son traballos de risco e iso implica que poida haber mortes”.

“En 2023 os accidentes laborais foron un 7% máis que en 2022 dentro de Galicia, esta realidade reflicte que non se están a cumprir normas de seguridade e prevención laboral”, destaca Carmen Rodríguez Dacosta, do PSdeG. “Non se está a fiscalizar a prevención no traballo e isto é consecuencia do 'continuismo' da Xunta en non levar adiante as súas competencias” en materia de inspección e sanción.

A isto o Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA) apunta que segundo os datos publicados no seu Observatorio, en 2023 rexistráronse 29.156 accidentes de traballo en xornada laboral fronte aos 28.209 do 2022, o que supón un incremento do 3,35%. "En todo caso, cabe salientar que se produce un descenso nos sinistros graves (-9,86%) e tamén nos mortais (-17,65%). Á parte, o ISSGA conclúe que cada accidente responde a unhas causas concretas. "Si é certo que entre os últimos sinistros rexistrados hai caídas de altura ou -no caso do eido forestal- coincidencia na mesma tarefa de corta no monte".

UGT, pola súa parte, lanzaba un comunicado onde describía a seguinte situación: "Nos seis primeiros meses de 2024, segundo os datos do Ministerio de Traballo, Galicia rexistrou un total de 14.098 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 13.868 foron leves; 200 graves; e 30 resultaron mortais. Así, Galicia foi a quinta Comunidade con máis falecidos, por enriba estarían Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia, todas elas con moita máis poboación asalariada".

Traballadores do naval protestan en Vigo
Traballadores do naval protestan en Vigo | Fonte: calveiro

Sobre datos anteriores, UGT apunta que  2023 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 30.423 accidentes laborais (xornada e in itinere), o que supón unha subida dun 7,12% en relación ao 2022, cando eran 28.402 os sinistros rexistrados. Deste total, 29.957 foron accidentes de carácter leve, 410 graves e 56 mortais".

“Agosto foi calamitoso con catro accidentes mortais, porén, o preocupante é que se estea normalizando que cada ano haxa persoas que perdan a vida no traballo” di Armando Iglesias de CCOO. “Esiximos máis medios e que as empresas se involucren dunha vez na seguridade porque sen investimentos en seguridade o perigo de accidente mortal aumenta”.

“Falta cultura da prevención, cando non hai medidas de seguridade é o traballador quen debe preocuparse polo seu benestar laboral ante a falta de persoal que o faga” di Francisco González Sio, da CIG. Alén disto, tamén se poden rexistrar casos de “horas extras abusivas, ás veces non retribuídas” que aumentan o estrés laboral e as o desexo de apurar para acabar antes.

Pola súa parte, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) fai reconto e apunta os 29.000 accidentes laborais en 2023 e dos que 75 foron mortais. “A sinistralidade varía segundo o sector pois por exemplo dentro da industria da manufactura houbo 7.000 accidentados, máis de 4.000 na construción e nun sector como a agricultura houbo 1.200” explica o presidente da CEG, Juan Vieites.

QUE FACER?

“Necesitamos máis estruturas de seguridade e reformas que lle dean a volta a estes datos” apunta Vieites. “Isto débese facer tendo en conta os novos riscos da robotización, da virtualización ou do traballo a distancia” apunta o presidente dos empresarios galegos. O responsable da CEG non esquece que outros factores que inflúen na accidentabilidade “é a prolongación da vida laboral das persoas” co correspondente aumento da idade laboral e unha diminución das aptitudes.

Fernández Alfonzo ten claro que en moitas ocasións a mesma presión sobre o traballador para arrincar uns mínimos máis á produción é o factor clave nun accidente mortal. “Existe esa presión para apurar o traballo desde todos os ángulos” afirma. O obxecto detrás é que “se as medidas de prevención frean a produción, o mellor é retiralas”. E outra cuestión apuntada por Fernández é “esa confusión xerada desde o goberno da Xunta con que 'todos somos responsables', a responsabilidade de saír indemne do teu posto de traballo é da empresa”.

E se nos referimos aos novos contextos laborais, sobre todo o teletraballo acentuado pola crise da COVID, aparece un factor de risco que até o de agora non se contou con el, a saúde mental do e da traballadora. “O traballo dixital trae canda si problemas de infartos e ictus cerebrais que poden levar á incapacidade ou á morte” sinala Marta Dacosta. E entre os factores que se deberan implementar para amortecer a sinistralidade laboral está “a desconexión dixital, iso non é negociable e as empresas deberan implicarse porque a saúde mental é algo serio e a persoa traballadora non deixa de ser a parte máis feble da cadea”.

As empresas deberan implicarse na desconexión e daquela en todo tipo de accións que axuden a mellorar a calidade de vida e de rendemento da traballadora ou traballador. Mais tamén as autoridades deberan cooperar para frear a mortandade laboral e iso só se consegue co estudo das súas orixes e causas. “Cada vez que pedimos os informes individuais dos accidentes con morte para estudalos, temos resposta negativa por parte da Xunta” di Armando Iglesias. “A resposta que nos dan é que se accedemos a eses informes estariamos incumprindo a lei de protección de datos”.

Sen esta cooperación desde as autoridades pouco ou case nada se pode facer. Que queda? Segundo as forzas sindicais queda a protesta e a denuncia. “A cultura laboral en Galicia non cambiou nos últimos cincuenta anos” di González Sio. Un accidente mortal debera levar unha protesta dos traballadores mais tamén unha sanción para a empresa. “Só a base de sancións foi como nos concienciamos de usar o cinto de seguridade nos coches, pois coa seguridade laboral parece ser que debe ser igual”.

UGT reclama "un aumento de recursos humanos e materiais para a Inspección de Traballo e, ata que isto leve a cabo, propón que se analicen fórmulas alternativas como, habilitar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo no cumprimento preventivo, cando se constaten situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves".

Desde o ISSGA responden que "a Inspección Técnica da Seguridade Social (ITSS), se é o caso coa intervención técnica do Issga, levanta acta dos posibles incumprimentos da normativa de prevención de riscos laborais, cualificando a posible ou posibles infraccións e propoñendo as sancións que correspondan a tales incumprimentos". Desde aí, a autoridade laboral iniciará o oportuno expediente sancionador que rematará coa posible imposición da sanción administrativa.

As cifras de mortes por accidente laboral durante o 2024 son elevadas e ninguén o discute. As fórmulas actuais para combater a sinistralidade non parecen funcionar. Que queda? Novas fórmulas ou unha maior presión das autoridades sobre as empresas para aplicaren as medidas necesarias e obrigatorias. 

Arquivo - Sector da construción. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Sector da construción. XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta