Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2024 | Actualizada ás 16:13
Tras prestar servizo desde Sanxenxo durante o verán, a ambulancia medicalizada volveu a operar de novo desde o Hospital do Salnés, en Vilagarcía, coincidindo coa inauguración das novas instalacións do 061 neste centro hospitalario.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou este martes a remodelada e ampliada base do 061 e congratulouse do retorno da ambulancia medicalizada a Vilagarcía. "Dixemos que a ambulancia que estaba en Sanxenxo ía retornar ao hospital do Salnés a principios de setembro e xa está aquí", indicou, tras percorrer as novas instalacións.
Á pregunta de se o próximo verán a ambulancia medicalizada volverá ser trasladada a Sanxenxo, algo que nas últimas semanas xerou numerosas críticas, o director do 061 en Galicia, Román Gómez, limitouse a sinalar que non sabe "que pasará. "Xa o estudaremos. Pero cando se toma a decisión de mover a ambulancia faise en función duns criterios de explotación de datos e de ver onde se atenden máis emerxencias dentro da comarca", dixo.
Román Gómez lembrou que a base de soporte vital avanzado do Salnés ten un "carácter itinerante" e que, como tal, ha de responder como reforzo aos movementos poboacionais. O director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 achegou o dato de que a base de soporte vital avanzado do Salnés atende unha media de entre tres e catro avisos diarios, á parte de realizar algún traslado secundario a outros hospitais de niveis superior.
"Non é unha base que reciba moitos avisos en comparación coa das grandes cidades", resumiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.