Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/09/2024 | Actualizada ás 13:29
Os deputados do PPdeG rexistraron no Congreso a petición de comparecencia, tanto no pleno como en comisión, do ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, para que "aclare a súa postura" sobre a transferencia e gratuidade da AP-9. "Facémolo porque estamos realmente moi preocupados polas manifestacións que o ministro fixo esta semana no Senado", explicou o deputado galego Celso Delgado.
Todo iso, lembraron os populares galegos nun comunicado, despois de que Puente "deixase caer" na Cámara Alta que os compromisos lanzados nos últimos meses por el, polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez e polo PSOE "probablemente non se fagan realidade".
O PPdeG quere información sobre cal é a "real posición" do Goberno central en relación á transferencia da AP-9 a Galicia, xa que, continuaron os populares, están en "plena fase de tramitación e ven indicios do Executivo central "en lugar de activala", pretenden "novamente boicoteala".
Tamén os deputados galegos queren saber por que o Goberno "non vai aplicar" as novas bonificacións aos usuarios ás que "se comprometeu para este 2024 mediante o pacto asinado entre PSOE e BNG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.