Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez en inglés

O portal web Portico of Galician Literature, que ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura, suma xa 20 autores e autoras da literatura galega actual, dos que se ofrece unha mostra das súas obras máis representativas traducidas ao inglés.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 02/01/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.

María Reimóndez
María Reimóndez | Fonte: mariareimondez.com

Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature (www.galicianliterature.com) incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras ‘O libro das viaxes imaxinarias’, ‘Os fillos do mar’, ‘Memoria de cidades sen luz’, ‘Atl’ e ‘Pirata’, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros.

En 2014, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras traducidas ao inglés de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai, mentres que en 2013 se ampliou o catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure e Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés, que suma xa 20 nomes representativos da literatura galega actual.

Un escaparate en inglés para as letras galegas

Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre os que se inclúen ‘Merlín e familia’, de Álvaro Cunqueiro; ‘A lingua das bolboretas’ e ‘O lapis do carpinteiro’, de Manuel Rivas; ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas; ou ‘Bestiario dos descontentos’, de Miguel Anxo Murado.

Inma López Silva
Inma López Silva

O portal web, que ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura, foi posto en marcha en 2012. O obxectivo desta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura é converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono e, en xeral, para a proxección internacional das letras galegas.

Impulso á proxección exterior do libro e da literatura 

Para apoiar a internacionalización do libro e da literatura galega, a Consellería de Cultura e Educación tamén promove a colección en inglés Galician Classics, editada xunto con Small Station Press, na que viron a luz obras de referencia da literatura galega como ‘Galician Songs’, a primeira tradución completa ao inglés do poemario de Rosalía de Castro ‘Cantares gallegos’; ‘Herba aquí ou acolá’, de Álvaro Cunqueiro; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro; unha escolma poética de Lois Pereiro e o poemario ‘Nimbos’, de Xosé María Díaz Castro.

Outras das principais medidas facilitadoras da chegada da produción literaria galega ao exterior é a convocatoria de axudas á tradución, que contribúe, ao mesmo tempo, ao acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas, e o apoio á participación do sector editorial galego nas principais feiras internacionais do libro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta