Galicia é a comunidade con maior caída de Fondos de Compensación Interterritorial entre 2017 e 2022

Contas apunta que a execución global da Xunta non alcanza o 50 % en 2022, ademais dun "insuficiente" emprego dos fondos para conservación do Camiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 25/09/2024 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade que máis recursos perdeu de forma relativa dos Fondos de Compensación Interterritorial entre 2017 e 2022, cunha caída do 11,26 %, seguida por Estremadura (-11,19 %) e Cantabria (-8,43 %). Así se recolle no informe que acaba de publicar o Consello de Contas do exercicio 2022 dos Fondos de Compensación Interterritorial, que indica que a dotación do Estado para Galicia por estas partidas en 2022 foi de 39,4 millóns (9,1 % do total), un 8,9 % máis que en 2021, pero un 11,26 % menos que en 2017.

Non entanto, a dotación global destes fondos ascende a 102,5 millóns en 2022 polos remanentes de crédito de anteriores exercicios. Deste total, a execución non alcanza o 50 % de obrigas recoñecidas, con 50,4 millóns (con pagos realizados aquí por 45,8 millóns). Entre outras recomendacións realizadas por Contas atópase a implementación dun rexistro contable específico para os proxectos financiados polos fondos de compensación, o que foi aceptado pola Xunta e está en proceso de implantación. Con todo, algunhas das recomendacións aínda pendentes pasan por cuestións como unha axilización da tramitación de expedientes de modificacións cualitativas e cuantitativas de proxectos.

FONDOS PARA CONSERVACIÓN DO CAMIÑO

Noutro informe publicado por Contas este mércores fiscalízanse os recursos europeos de conservación e protección do Camiño de Santiago, no programa operativo do Feder 2014-2020. O crédito definitivo foi de 17,8 millóns entre 2015 e 2022, cunha execución de obrigacións recoñecidas por 11,8 millóns, o 66,3 % do total (que inclúen pagos realizados por 7,7 millóns). Para Contas, estas cifras "revelan unha insuficiente execución do proxecto por parte das entidades xestoras", polo que realiza diferentes recomendacións á Xunta para mellorar a súa eficiencia.

O órgano fiscalizador reproba que non consta un apartado específico no que se detalle o diagnóstico da situación previa que xustifique a característica e obxectivos do plan. Tamén censura que "non contempla un sistema de seguimento anual nin unha avaliación final a realizar pola entidade responsables das 86 que se pretendían pór en marcha". De tal forma, recomenda facer "un maior esforzo na elaboración de futuros plans de potenciación e promoción do Camiño de Santiago", cunha redacción "máis rigorosa".

Sede do Consello de Contas de Galicia
Sede do Consello de Contas de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta