Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 14:35
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, remitiu a este mércores para concretar máis detalles do modo de funcionamento e calendario pautado para a comercializadora de enerxía propia anunciada este domingo no marco dun retiro cos integrantes do seu Executivo en Sober. Ante as preguntas dos xornalistas tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda apelou a esperar que o mércores se concreten os detalles nun acto de presentación ante a sociedade e as empresas a cargo da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
"Remítome a esa presentación. Aí daranse os detalles dun proxecto no que a intención é que empezo a funcionar xa e que permita dar luz máis barata a colectivos concretos (sectores estratéxicos) e a veciños das zonas onde se instalen proxectos de xeración de enerxía (por exemplo, parques eólicos)", explicou o xefe do Executivo autonómico. Rueda anunciou este domingo a creación dunha comercializadora propia que permitirá "abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía en Galicia" e que terá como obxectivo vender enerxía "100% renovable, de maneira estable" e a un "prezo sensiblemente máis barato".
Na súa intervención apuntou, así mesmo, que a Sociedade Recursos de Galicia xa iniciou os trámites para crear esta comercializadora, que Roda espera "que sexa unha realidade a principios de 2025". A empresa denominarase 'RDG Comercializadora de enerxía galega' e o obxectivo, segundo o anticipado, é vender "enerxía 100% renovable, de maneira estable e a un prezo substancialmente por baixo do mercado, un prezo sensiblemente máis barato".
BESTEIRO NON APOIA ENTRAR EN "FÓRMULAS CONFUSAS" PÚBLICO-PRIVADAS
Ante este anuncio, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que "non hai necesidade" de entrar en "fórmulas confusas" entre os sectores público e privado, e mostrouse "moi escéptico" co anuncio, "sobre todo, vindo de quen vén". En resposta a preguntas dos medios de comunicación, Besteiro esgrimiu que vai ser "prudente" con esta iniciativa, pero tamén "moi contundente", xa que lembrou que teñen experiencia en "anuncios grandilocuentes" en materia de enerxía.
"Non temos necesidade de entrar en fórmulas confusas", aseverou, e subliñou que o camiño "non parece o máis acertado". Neste sentido, incidiu en que se o obxectivo é alcanzar unha enerxía "máis barata", tamén é posible facelo "desde o ámbito público". Nesta liña, fixo referencia a que o Goberno do PP na Xunta "foi o responsable" do parón eólico e que tamén estivo "en contra" da 'excepción ibérica', "o único sistema que ata agora serviu para baixar a enerxía eléctrica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.