Unha investigación da UDC vincula o aumento de suicidios coa crise económica

Un estudo da Universidade da Coruña mostra a relación entre suicidios e variables de ciclo económico. O traballo será publicado na revista científica The European Journal of Health Economics.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/01/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O aumento que se produciu nos últimos anos nas taxas de suicido en España está relacionado con determinadas variables que definen o ciclo da economía española. Así o reflicte o estudo “Crisis, suicide and productivity losses in Spain”, do Grupo de Investigación MACROSALUD, adscrito á Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC). O estudo dos investigadores Berta Rivera, Bruno Casal e Luis Currais tamén aproxima a perda que supuxo estes falecementos prematuros en termos de perdas de produción para o conxunto da sociedade española.

Un home protesta co seu can perante unha entidade financeira en Vigo
Un home protesta co seu can perante unha entidade financeira en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

O traballo de investigación forma parte dun macroproxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e do que forman parte investigadores expertos no campo da economía da saúde de diferentes universidades públicas españolas. O estudo dos profesores da Universidade da Coruña publicarase proximamente na prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics.

Primeira causa de morte en España

Os datos dos que partiron os investigadores apuntan que a ratio de suicidios en España en 2013 foi de 8,2 falecidos por cada 100.000 habitantes. A incidencia desta causa de morte concéntrase en persoas novas e de mediana idade (o 31% dos falecidos do ano 2013 atopábanse nun intervalo de idade entre os 15 e os 44 anos).

Nos anos 2012 e 2013 a morte por suicidio foi a primeira causa de morte entre a poboación de 15 a 44 anos, situándose por riba dos accidentes de tráfico. A evolución desta causa de morte amosa aumentos sostidos desde o ano 2007 para a poboación de maior produtividade laboral.

Desde 2007, en España rexístrase unha caída significativa na actividade económica, coa implicación que isto ten para o mercado de traballo, en termos de aumento da taxa de desemprego (de 1,8 millóns de persoas desempregadas en 2007 a 6,5 millóns en 2013). De importancia é tamén o desemprego de longa duración, de máis dun ano.

Para o estudo da relación entre suicidios e ciclo económico utilízouse un panel de datos das 17 rexións españolas para o período 2002-2013. Como variables do ciclo económico utilízáronse: crecemento do PIB per capita, taxa de desemprego, taxa de desemprego de moi longo prazo (máis de dous anos buscando traballo).

Nas estimacións utilízáronse outras variables que a literatura científica indica que poden ser precursoras do suicidio ou protectoras fronte a el, como son: esperanza de vida, idade media, fertilidade, sexo, variables climatolóxicas, entre outras. As estimacións realízáronse para a poboación xeral e replícase o exercicio para a poboación en idade laboral.

Os principais resultados vinculan de forma moi significativa a relación entre suicidios e variables de ciclo económico. Un aumento na taxa de desemprego do 1% relaciónase cun aumento en 0,029 suicidios por cada 100.000 habitantes (0,032 se consideramos desemprego de moi longa duración). Ademais, un aumento do 1% na taxa de crecemento do PIB xera unha redución de 0,08 suicidios por cada 100.000 habitantes.

Replicando a análise só para a poboación en idade de traballar, os valores obtidos son de 0,042 suicidios para a taxe de desemprego xeral; 0,027 para a taxe de desemprego de moi longo prazo e 0,1 para o crecemento do PIB per capita.

566 millóns de euros de perdas

O estudo tamén vincula o aumento da taxa de suicidios coa caída da produtividade. Así, en 2013 pérdéronse por esta causa de morte un total de 38.038 anos potenciais de vida laboral. Axustando polas características do mercado de traballo español, isto tradúcese nunha perda de 566 millóns de euros.

Os investigadores da Universidade da Coruña consideran importante a perda do capital humano por esta causa de morte en época de crises económicas e ven a necesidade de contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables (desempregados), así como programas de prevención do suicidio.

Outras implicacións para a política de saúde pasan pola adopción de medidas de soporte e monitorización para os profesionais sanitarios, no adestramento na identificación do problema nos seus estadios máis temperás (sobre todo en atención primaria); así como na implantación de políticas transversais e de investimento en servizos sociais para persoas en situacións vulnerables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Logo o CAPITAL mata ! E non so aos que non dispoñen del, senon tamén aos que non saben que carallo facer con el... Ente o estres e a miseria váisenos a VIDA !

1 Quato

Nivelaço de investigación...