Un banco de embrións e semen para protexer o cabalo de pura raza galega

Xunta e criadores acordan crear un banco de xermoplasma para preservar o patrimonio xenético da raza autóctona.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2016 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O cabalo de pura raza galega terá un banco propio de xermoplasma. A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comprometeuse este martes con representantes da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) á creación dun banco de semen e embrións desta raza autóctona.

Cabalo de pura raza galega
Cabalo de pura raza galega | Fonte: MAGRAMA.

Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural porá a disposición desta asociación o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (Fontefiz) para a posta en marcha dun banco da raza cabalo galego.

Do Campo manifestoulle aos representantes de Puraga a intención do seu departamento de renovar o convenio de colaboración —existente desde o ano 2010— para desenvolver un proxecto piloto de cría, tipificación e testaxe de poldros de raza equina Cabalo de Pura Raza Galega. Belén do Campo notificoulles tamén que serán beneficiarios das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas, cunha achega de 16.700 euros por levar a cabo, entre outras cousas, a xestión do libro xenealóxico desta raza.

Puraga
A Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) é unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2005, con ámbito de actuación en todo o territorio de Galicia e que se encargada de xestionar o libro xenealóxico desta raza.

Os obxectivos primordiais desta asociación son preservar o patrimonio xenético para xeracións vindeiras; integrar, representar, defender e promover os intereses dos criadores desta raza e controlar o a inscrición e rexistro no libro xenealóxico.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural apoia a través de distintos convenios e axudas este tipo de organizacións, xa que a conservación das razas autóctonas de Galicia está directamente relacionada coa preservación de ecosistemas e pastos, ademais de ser un valor engadido dos nosos produtos e un identificacdor da nosa cultura e patrimonio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xermoplasmo si

nostrus, tés que ir alí a entregar non sei que. mira na noticia aquí arriba que che explica