Por Galicia Confidencial | Ames | 21/01/2016 | Actualizada ás 09:10
Que pasa no PP de Ames?. En menos dunha semana renunciaron ás listas deste partido no concello dous dos principais cabezas visibles do anterior goberno municipal; o ex rexedor, Santiago Amor, e o seu edil de Obras, Alfredo Taboada.
Amor decidiu presentar a súa dimisión a pasada semana, mentres que a de Taboada coñeceuse este mércores e os dous alegan “motivos persoais”. Será no pleno do 28 de xaneiro cando a corporación municipal tome coñecemento destas renuncias. O candidato número sete do PP de Ames, Roberto Martínez Viaño, será o novo concelleiro do grupo municipal popular.
Santiago Amor foi unha das grandes apostas políticas do PPdeG na pasada lexislatura. “É o momento de abrir unha nova etapa porque as persoas que me acompañaron na candidatura están sobradamente preparadas para desempeñar o seu traballo”, indicaba.
Amor, estaba vinculado ao municipio citado desde o ano 2007, primeiro como portavoz do grupo popular e despois como alcalde de Ames, foi unha das apostas de Feijóo para rexenerar a política municipal. Acadou peso dentro do seu partido por ser quen de gañar nun concello con tradicional voto de esquerdas e que entón gobernaba o presidente da Fegamp, o socialista Carlos Fernández.
A pasada semana, preguntado por esta baixa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evitaba molesto a resposta suliñando que non era un tema tratado no Consello da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.