Temas: EN MAREA PODEMOS

A prensa galega minimiza a En Marea e salienta o seu fracaso para formar grupo propio

Pouco espazo nas portadas e maioritariamente negativo. Só La Opinión de A Coruña destaca os aspectos positivos do pacto de En Marea con Podemos para integrarse no grupo morado. Os demais xornais salientan a perda de autonomía política.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/01/2016 | Actualizada ás 09:44

Comparte esta noticia

O fracaso de En Marea para formar o primeiro grupo parlamentario galego no Congreso dos Deputados na historia recente de España non tivo o impacto que se podería agardar na prensa galega. Os medios tradicionais levaron o asunto ás súas portadas, pero en espazos moi reducidos, agás La Opinión de A Coruña e El Progreso. E case todos salientan o fracaso de En Marea, agás o xornal Coruñés pertencente ao grupo Prensa Ibérica, o único que apostou por destacar en portada o carácter confederal do grupo de Podemos no que se integran os seis deputados galegos de En Marea.

Beiras, de ANOVA, Pablo Iglesias de Podemos, e Yolanda Díaz, de Esquerda Unida
Beiras, de ANOVA, Pablo Iglesias de Podemos, e Yolanda Díaz, de Esquerda Unida | Fonte: Podemos

Para visualizar o impacto desta nova nos xornais tradicionais de Galicia utilizamos Pageonex, un software libre de código aberto baixo unha licenza GNU, desenvolvido polo arquitecto español Pablo Rey, que serve para visualizar datos de portadas de xornais en papel de todo o mundo. O software recolle portadas da plataforma kiosko.net, de onde tomamos os exemplares do día 20 de xaneiro, nos que se publicou a nova de que En Marea aceptou, finalmente, integrarse no grupo de Podemos no Congreso. As portadas dispoñibles foron: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Opinión de A Coruña, Atlántico, La Región e El Progreso.

O primeiro que chama a atención é o escaso espazo que ocupou En Marea nas primeiras páxinas da prensa tradicional galega; en conxunto, só o 7,1% do total das sete portadas.

Só La Opinión de A Coruña e El Progreso destacaron o acordo de En Marea con Podemos como noticia principal de portada. Para todos os demais, foi un asunto menor na xerarquización das novas nas súas primeiras páxinas.

Tamén chama a atención que no caso de La Región, En Marea é excluída do titular sobre a configuración dos grupos parlamentarios. O diario ourensán obviou calquera mención á forza galega e céntrase exclusivamente en Podemos e na negativa de Compromís a integrarse no grupo podemita.

Polo demais, a prensa galega decidiu maioritariamente salientar o fracaso de En Marea. Todos, agás La Opinión de A Coruña, céntranse en que a forza política galega perdeu a oportunidade de formar grupo propio e de gozar de autonomía, tendo que integrarse no de Podemos, a diferenza do que decidiron os deputados de Compromís. Porén, o diario local coruñés é o único que aporta unha visión positiva do acordo entre a forza galega e o partido morado, ao destacar que os deputados galegos gozarán de liberdade de voto e de portavoz propio nun grupo confederal, din. Hai que salientar que a visión deste xornal é diferente á da súa cabeceira irmá, Faro de Vigo, ambas as dúas pertencentes ao grupo Prensa Ibérica.

Velaquí a visualización (podes facer scroll cara abaixo sobre o gráfico):

Temas: EN MAREA PODEMOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Gamela

E qué sucede en La Opinión da Coruña para que se desmarque do Grupo Prensa Ibérica (?) Temos alí algún director que mereza a pena ser coñecido por todos? Ou é outra a explicación desta singularidade INFORMATIVA ?

4 LKI

Se a prensa sistémica en mans da oligarquía, continúa a atacar En Marea é bo sinal. Sinal de que En Marea está a facer ben. Na campaña dixeron que “se podía conseguir o GP” e conseguirono. O veto da Mesa é unha decisión antidemocrática que busca: a) dividir En Marea facendo que unha parte se someta á disciplina de Podemos e outra pase ao Mixto, convertendo a representación de Anova no que foi a do BeNeGá durante 20 anos: simple mobiliario, e b) invisibilizar a En Marea e contrarrestar o seu potencial de cara as galegas. A configuración dun G. Plurinacional de tres Agrupacións Parlamentares soberanas (En Marea, Podemos e En Comú) é a mellor saída posíbel e permite ao G. Galego funcionar como tal, manter a súa coesión e traballar de modo independente ao servizo do pobo galego. Esta prensa fala de "fracaso" pensando neles mesmos, que querían dividir En Marea e fracasaron. O patético é ver o BeNeGá partillando obxectivos e argumentos con estes reaccionarios.

3 dani

eu non vexo nada positivo que os candidatos militantes de esquerda unida acaben traballando e facendo grupo con Podemos. Xa o decía eu antes das eleccións que ese pacto acabaría con Podemos fagocitando a En Marea

2 Sermos

Son asiduo de La Voz, tamén de El Pais, de Praza, de El Mundo, de La Vanguardia, de Marea, de GC e máis. Pero tomo Almax antes de beber de algunha de esas fontes e para ler La Voz métome directamente Omeprazol.

1 Raimundo

A prensa galega é a vergonza do periodismo. Os periódicos galegos son empresas pesebristas gobernadas por especuladores da dereita máis rancia e dirixidos por pseudo periodistas mercenarios e sen escrúpulos. Así nos vai.