Unha viaxe a Gales e Inglaterra en clave galega

Albión Galaica é unha viaxe polas antigüidades e tradicións máis senlleiras de Gales e do sur de Inglaterra. Propón, ademais, unha Galicia homologable dentro do conxunto europeo que rompe o mito da súa periferia.

Por Galicia Confidencial | Verín | 03/02/2016 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

No inverno de 2013 e dentro dunha liña de investigación sobre o rol da cultura galega no seu contexto atlántico, Miguel Losada e Rafa Quintía, membros da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), percorreron boa parte de Inglaterra e Gales á procura dunha perspectiva que lles permitira contextualizar mellor moitos dos acenos culturais propios de Galicia.

Miguel Losada, membro da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e autor de Albión Galiaca, na súa viaxe a Gales e o sur de Inglaterra
Miguel Losada, membro da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e autor de Albión Galiaca, na súa viaxe a Gales e o sur de Inglaterra

Froito desta viaxe, do traballo de documentación previo e da análise posterior, xurde Albión Galaica: unha viaxe polas antigüidades e tradicións de Gales e Inglaterra. Neste libro moitos elementos da cultura e da historia de Galicia atopan unha dimensión que transcende ás súas fronteiras. Así, algúns tópicos galegos resultan diluídos ó resultaren ser tamén tópicos esenciais das illas, ou viceversa. A influencia cultural e xeopolítica do país galego resulta ter sido, antigamente, moito mais transcendente do que comunmente se pon de manifesto. Inopinadas relacións de toda caste resultan ser pontes que, dende a prehistoria, conectan estas dúas terras dun xeito hoxe en día sorprendente.

“Con Albión Galaica queremos poñer de manifesto que o rol endemicamente periférico que moitos quixeran para Galicia é un mito moderno”, apunta o seu autor, Miguel Losada. Este é un libro escrito no rexistro dos libro de viaxes, procurando non abafar cos datos mais recorrendo a eles cantas veces son precisas para ilustrar os feitos. Neste sentido, a obra é debedora das lecturas de obras como Viaxe ó redor do mundo seguindo o ecuador, de Mark Twain, ou, Os árabes de las Marismas de Wilfred Thesiger.

“Albión Galaica non pretende ilustrar. O que o libro pretende é interpretar - e xa que logo provocar ou mover á reflexión - a realidade da situación de Galicia no contexto actual. É pois unha interpretación en clave galega dunha parte, modesta,  do seu contexto”, engade Losada, autor da obra.

Olibro é tamén un alegato a prol da viabilidade e porvir da cultura galega, xa que a súa presunta condición marxinal ou o esmorecemento dos seus valores,  non é en ningún caso unha cuestión estrutural, ou natural, inapelable. É mais ben unha consecuencia sobrevida, cuestionable e lexitimamente reversible.

Unha sociedade, toda ela, pode decidir o seu destino. Neste libro proponse unha Galicia homologable dentro do conxunto europeo, no cal pode ser unha realidade culturalmente activa no futuro tal e como xa o fora no pasado. Albión Galaica toma partido a prol da continuidade da existencia de Galicia como unha realidade pertinente e consistente.

Datos técnicos:
Autor: Miguel Losada
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:20.5×15
314 páxinas
Ano: 2015
I.S.B.N.: 978- 84-16121-34-2

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta