Falece un condutor de 73 anos nun choque cun camión na A-52, en Cenlle

Os bombeiros tiveron que excarcerar á vítima, cuxo falecemento foi confirmado polos servizos sanitarios. O condutor do camión resultou ileso.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/11/2024 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Un home de 73 anos de idade, J.L.B.E., faleceu este mércores tras chocar o vehículo que conducía contra un camión na autovía A-52, á altura do termo municipal do Cenlle, segundo informaron o 112 Galicia, a Garda Civil e Urxencias Sanitarias 061.

O sinistro ocorreu sobre as 13,05 horas, no quilómetro 241 da autovía en sentido Ourense, e foi un particular o que alertou a Emerxencias. O CIAE 112 Galicia deu aviso ao 061, aos bombeiros do Carballiño, ao GES de Ribadavia, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da vía.

Segundo informaron os alertantes, produciuse unha colisión frontolateral entre un camión e un todoterreo, de maneira que este último recibiu o impacto no lado do condutor.

Os bombeiros tiveron que excarcerar á vítima, cuxo falecemento foi confirmado polos servizos sanitarios. O 061 trasladou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico e mobilizou tamén o helicóptero medicalizado con base en Ourense, pero nada se puido facer por salvar a vida do condutor. Mentres, o condutor do camión resultou ileso.

A Garda Civil confirmou que o condutor falecido, que era veciño de Vilariño de Conso, levaba o cinto de seguridade, e que o condutor do camión foi sometido ás probas de alcoholemia, que deron resultado negativo.

A circulación nese tramo da autovía quedou cortada nese punto e establecéronse desvíos pola N-120.

Imaxe dun axente da Garda Civil
Imaxe dun axente da Garda Civil | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta