As bárbaras cachuchas

Dicía na Facultade de Filoloxía nos anos oitenta o profesor de Historia Don Laureano que os viaxeiros xaponeses que visitan Compostela debían quedar escandalizados cando percorrían a rúa do Franco vendo os animais mortos expostos nas fachadas dos restaurantes, e mesmo especulaba co espanto que sufriría algún deles se levantaba a tapa dunha ola de cocido galego e se encontraba cun porco mirando cara el.

Por Ramón Torrado | Noia | 12/02/2016

Comparte esta noticia

Para alguén coma min criado fóra de Galicia ten que ser chocante ver as cabezas curadas de porcos sen ollos que aparecen en establecementos grandes e pequenos da nosa terra. Un neno pequeno pode ver enriba dunhas noces na sección de froitas esa atroz imaxe, que con obscenidade é ás veces engalanada con gafas de sol, panos e sombreiros.

Non deixa de lembrar este cruel costume á novela “O señor das moscas” de William Golding, na cal uns nenos descenden á barbarie. Incluso vén á mente unha famosa escena sobre un cabalo nunha película de Francis Ford Coppola.

Na actualidade vense en internet sorprendentes vídeos sobre animais: cans e monos que se salvan os uns aos outros, elefantes pintando cadros, corvos resolvendo problemas, un golfiño que devolve un móbil caído ó mar e xestos conmovedores de cariño entre distintas especies. Todo indica que o mundo animal non humano ten máis intelixencia e sensibilidade do que se pensaba.

Vendo os rostros inocentes nun carrusel en Padrón chégame a idea de que non se trata unicamente dunha certa dignidade porcina, senón tamén de protexer o dereito á felicidade dos nosos nenos. De tomarse unha decisión conxunta de evitar o triste espectáculo das cachuchas, sen gastar un céntimo Galicia sería de golpe un lugar máis civilizado, concienciado, moderno, decente e elegante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.