A Xunta aproba unha lei urxente para que se constrúa a planta de Citröen en Vigo

A Lei de medidas para proxectos de especial urxencia será levada ao Parlamento no seguinte pleno. Feijóo di que se manterán as “garantías, obrigas e autonomía” dos PXOM municipal. Con esta nova norma a multinacional francesa podería dispor da súa nova plante en seis meses.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/02/2016 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Citröen poderá, finalmente, contar coa súa nova planta para a construción do seu modelo de furgoneta K9, a pesar da resolución do Tribunal Supremo (TC) que suprimiu o Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) de Vigo e que impedía a execución desta infraestrutura, da cidade da xustiza ou da estación intermodal. E é que o Goberno galego deu xa luz verde á Lei de medidas para proxectos de especial urxencia ou interese público que permitirá "desbloquear" a situación urbanística desta cidade.

Planta de PSA Citroën en Vigo
Planta de PSA Citroën en Vigo | Fonte: citronoticias.com

A nova lei de urxencia será levada ao vindeiro pleno e contará, con toda probabilidade, co apoio do PPdeG e o PSdeG. A normativa tamén servirá para calquera concello que poida estar nunha situación semellante e necesite impulsar proxectos promovidos por institucións públicas.

“Esta nova lei servirá para resolver o problema de Vigo e blindará a outros concellos ante o decaemento do seu PXOM ou porque este non se poida executar de forma inmediata”, dixo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Así, defendeu que se trata dunha “solución legal” e dun “proceso rigoroso”. “É unha solución que respecta a autonomía local, mantén a esixencia de todos os informes sectoriais requiridos, incluído o de impacto ambiental, e respecta as resolucións xudiciais", suliñou.

Neste sentido, precisou que mantén a autonomía municipal porque para que poida ser activada a lei precisa dun informe vinculante dos concellos. “Se é rexeitado, os proxectos arquivaranse”, apuntou. Tamén suliñou que serán necesarios proxectos informados sectorialmente, especialmente, aqueles que teñen que ver co impacto de avaliación ambiental e destacou que respecta as resolucións xudicias, en relación á anulación do PXOM vigués por parte do TS.

Este mecanismo non busca evitar as resolucións xudiciais, senón o contrario, xa que para que esta vía se poida utilizar, o Concello debe iniciar o procedemento para un novo plan de ordenación municipal. Son medidas garantistas para ser útiles ao país", incidiu.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

Resolver a situación urbanística en Vigo

Precisamente, esta lei servirá para desbloquear por completo os principais proxectos urbanísticos de Vigo e, especialmente, o da nova planta de Citroën. E o presidente da Xunta non negou que a súa finalidade teña que ver coa petición feita pola multinacional francesa. Así explicou que, neste caso, terá que ser a Zona Franca de Vigo a que solicite a Consellería de Medio Ambiente e Urbanismo a activación desta nova lei.

A Xunta terá que xustificalo en razóns de urxencia e especial interese, “e neste caso esa urxencia ven dada pola paralización da construción de dous millóns de furgonetas e da candidatura da factoría viguesa á construción doutro modelo”, apuntou Feijóo.  Despois a consellería pasaralle o expediente ao Concello que ten dez días para recorrelo ou aprobalo en pleno. Unha vez aprobado volverá á Consellería de Medio Ambiente que, unha vez, dado o visto bo e avaliados todos os informes, remitirallo á Concellería de Economía, que será quen o leve ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

En total, Feijóo estima que a situación urbanística de Vigo pode estar solucionada entre catro e seis meses. Unha situación que permitirá, ademais, desbloquear a construción da estación intermodal e da cidade da xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antolín o dos cubatas

Primeiro Ence , agora Citroën, o PP goberna para as multinacionais