Adeus para sempre á mina de ouro de Edgewater en Corcoesto

O Tribunal Constitucional tumba un recurso do Estado que quería impedir que a Xunta puidese vetar proxectos mineiros como o da empresa canadiana en Bergantiños.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 20/02/2016 | Actualizada ás 22:18

Comparte esta noticia

O Tribunal Constitucional vén de avalar a modificación da lei de minaría de Galicia introducida polo artigo 84 da lei 12/2014, de medidas fiscais e administrativas, pola cal a denegación da autorización da explotación por calquera das causas legais, determinaría a caducidade dos dereitos mineiros.

Traballador de Edgewater facendo os sondeos do ouro
Traballador de Edgewater facendo os sondeos do ouro

Esta modificación da lei afectaba de pleno á empresa mineira canadense Edgewater, que pretendía explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto, no Concello de Cabana de Bergantiños, xa que o seu proxecto de explotación foi cancelado pola Xunta de Galicia en marzo de 2014 pola falta de solvencia técnica e económica da empresa. 

Esta cancelación e a publicación posterior da modificación da lei da minaría de Galicia supoñía para Edgewater a perda definitiva das concesións mineiras Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, que afectaban aos concellos de Cabana de Bergantiños e de Ponteceso.

No entanto, esta perda das concesións quedou no aire ao presentar o Goberno de España en setembro de 2015 un recurso de inconstitucionalidade contra o citado artigo 84, por considerar que invadía o seu ámbito competencial ao introducir causas de caducidade non contempladas na lei de minaría estatal, que data do ano 1973, e que para o Goberno estatal tiña o carácter de lei básica.

Agora o Tribunal Constitucional vén de fallar a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, ao sinalar que o Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade, en materia mineira, a execución da lexislación do Estado, sinalando ademais que ese precepto da norma galega non fai máis que regular o conxunto de actuacións precisas para poñer en práctica a normativa estatal. 

George Salamis, Director Executivo de Edgewater, a mineira de Corcoesto
George Salamis, Director Executivo de Edgewater, a mineira de Corcoesto | Fonte: www.123people.ca

O Constitucional declara nesta sentenza por tanto a constitucionalidade da norma galega que establece a caducidade das concesións mineiras no caso de que un proxecto de explotación mineira sexa rexeitado cando se trate de concesións mineiras reguladas na disposición transitoria primeira da lei de minas estatal, é dicir aquelas que proveñan de antes de 1973.

Con esta sentencia a empresa canadense Edgewater perde definitivamente todos os dereitos que tiña sobre dos montes de Corcoesto, segundo explica a Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta